As festas do verán de Silleda limitaranse ao venres do Lacón

Silleda, 6 de xuño de 2016. O Concello de Silleda mantivo nos pasados meses varias reunións con representantes de colectivos do municipio, co fin de coñecer a súa disposición cara á organización das festas do verán. Así mesmo, tamén se lanzou un chamamento a todo aquel grupo ou asociación que estivera disposto a tomar as rendas dos festexos, sen obter resposta algunha.

Con tal motivo, e dada a proximidade das datas, o colectivo da Festa do Lacón será o encargado de poñer o punto festeiro este ano, celebrando o vindeiro venres día 8 de xullo a XVIII edición da tradicional Festa do Lacón, que se complementará cunha verbena nocturna.

Dende o concello, coma tódolos anos, haberá colaboración coa asociación de Amigos do Lacón, pero non participará en ningún tipo de organización, labor que, baixo as consideracións do goberno municipal, debería estar promovida polo pobo.