Avanzan as negociacións entre Concello e Semana Verde para pechar a débeda histórica entre as dúas entidades

Silleda, 1 de outubro de 2014. Hoxe celebrouse no Concello de Silleda a primeira reunión formal entre a entidade local e a Fundación Semana Verde para avanzar na concreción da débeda histórica que manteñen ambas partes.

O alcalde, Manuel Cuiña, o director xerente da Fundación, Ricardo Durán, e o técnicos de ambas intitucións, o Secretario Municipal, Manuel Quintáns e o coordinador económico da Fundación, Manuel Sanmartín, participaron no encontro no que se conseguiu avanzar na concreción da débeda. “Nas últimas semanas xa houbo contactos, como xa avancei no pleno da pasada semana para encarar definitivamente este asunto”, sinala o alcalde.

Neste encontro estudouse a situación da débeda da fundación co Concello, que segundo o certificado do ORAL do que se dou conta no último pleno, ascende a 1,4 millóns de euros. Pola súa banda a Fundación sostén que o Concello lle adeuda 300.000 euros da aportación fundacional máis intereses.

Hoxe avanzouse na concreción dos termos da débeda da Semana Verde con este Concello, e na posibilidade de que se compense coa cesión dun edificio do recinto. A súa vez, tal e como se leva informado nos últimos meses, o Concello reivindica tamén investimentos públicos en Silleda por parte das Administracións supramunicipais.

Plasmación do acordó neste mes

En canto aos prazos establecidos acordouse que antes de que remate este mes de outubro as partes concretarán xa un acordo, cos pertinentes informes xurídicos previos ,para plasmar as negociacións. Tal e como se avanzou no pleno, o acordo debería de asinarse antes do 31 de decembro.

“É moi importante tanto para o Concello de Silleda como para a Fundación Semana Verde que academos o antes posible un acordo para resolver, de unha vez por todas un tema que segue coartando as capacidades de ámbolos dous entes no día a día, unha débeda histórica que agardamos resolver agora”, sinala o alcalde.

Da resolución da débeda dependen cuestión como o traslado da Escola de Música ao recinto feiral ou os orzamentos municipais de Silleda para 2015, que se agardan pechar antes de que remante este exercicio.