Chega a Silleda a escultura donada ao Concello por Carlos Castro e o taller de gravado do artista

Silleda, 15 de xaneiro de 2015.  Na xornada de onte chegou a Silleda a obra escultórica  “Homenaje a París”, do escultor e gravador Carlos Alberto Castro Robles (Bos Aires, 1957), que o pasado mes de novembro cedeu esta creación ao Concello de Silleda.

Trátase de unha peza, realizada en aceiro cortén esmaltado, e con tres metros de alto e que conta con réplicas en museos e parques de Luxemburgo, Extrasburgo ou cidades como Dallas (Texas).

Xunto coa escultura tamén chegou dende Girona (localidade na que residiu o artista dende 1988) o taller de gravado de Castro, que se trasladou a vivir a Silleda, terra dos seus antepasados, e outras dúas obras propiedade do autor.

O alcalde, Manuel Cuiña, achegouse co autor e os seus familiares ata a nave onde se descargaron as pezas.

“Aínda non temos decidido o emprazamento público onde se ubicará a escultura, pero en nome de todos os veciños e veciñas de Silleda reitero o nos agradecemento a Carlos Castro pola súa xenerosidade ao cedernos esta obra”, apunta o alcalde.

 

O Concello asumirá os gastos do traslado, tal e como figura no contrato asinado o pasado novembro co autor e ratificado polo Pleno.

Ademais da obra donada, no traslado tamén se inclúe todo o taller do artista e outras dúas obras da súa propiedade. Entre as xoias do taller de Castro está unha máquina de gravado que data de 1888.

 “É un honor que un artista deste prestixio e traxectoria se instale no noso municipio”, engadiu Cuiña.

Castro Robles foi un dos introductores do chamado Movemento Madí en España. Esta corrente artística iniciuose en Arxentina no ano 1946 da man de artistas plásticos e trasladouse a todas as ramas da arte, baseándose na extremación dos conceptos de creación e invención. Está considerado, a nivel internacional como un dos artistas de gravado de maior prestixio e técnica, proxectando tamén a súa obra cara á escultura. As súas creacións están presentes no Museo Nacional Reina Sofía, no Madi Museum and Gallery de Dallas, Galería John Szoke-grapchic, de Nova York, Grandes Casinos de España, en Madrid; no Cente Cultural de Woluwe-Saint Pierre (Bruxelas), Galería de Arte de Rivadavia (Bos Aires) e en moitas obras localidades. Ademais ten participado en exposicións e mostras de moitos países de Europa, América e Asia.