Chega a Silleda “A Vila do mañá” que convertirá as rúas nunha zona de xogo durante unha semana

-O proxecto educativo e e de divulgación, con obradoiros gratuitos para nenos e nenas de 5 a 14 anos, terá lugar do 28 de xuño ao 3 de xullo en Silleda

Silleda, 7 de maio de 2021-.  Silleda acollerá durante unha semana, do 28 de xuño ao 3 de xullo os obradoiros de “A Vila do Mañá”, unha aposta lúdico educativa que nos últimos anos se desenvolveu en distintas localidades galegas e que chegou tamén ata San Paulo, no Brasil.

Como podemos recuperar a identidade das novas vilas e cidades? Como poderían volver a ser novo lugar de encontro e intercambio….?  Algunhas destas cuestións levaron no seu día ao estudo PØSTarquitectos a crear o proxecto A Vila do Mañá, unha iniciativa educativa e de divulgación para que dende a dinámica do xogo a infancia tome conciencia de todas as escalas do común: a arquitectura, o patrimonio tanxible e intanxible, o urbanismo e a paisaxe.

Estes obradoiros están destinados a nenos e nenas de entre 5 e 14 anos  do termo municipal con distintas actividades coordinadas por personal monitor que se desenvolverán en horairo de mañá e de tarde nas rúas de Silleda. As actividades son gratuitas e será preciso formalizar a inscrición no Concello (poderá facerse a partir da vindeira semana). Inicialmente ofertaránse  40 prazas. Desenvolveránse en horario de 09:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas ( o sábado 3 sería só de mañá).

As actividades están organizadas polas Concellerías de Cultura, de Educación e de Urbanismo.

O reto principal é que a infancia e a adolescencia estean presentes de forma activa no proceso de construción dos espazos comúns, dotándoos das ferramentas necesarias para desenvolver a súa creatividade dende a arte e a arquitectura.

“O fin é provocar neles e espertar unha nova mirada sobre os espazos nos que desenvolven a súa vida”, explica Sandra González, promotora da iniciativa, que participou na presentación das actividades cas concelleiras de Educación, Ángela Troitiño, e de Urbanismo, Pili Peón.

Con “Silleda, a vila do mañá” tomarase a localidade como un taboleiro de xogo e laboratorio  de experimentación, transformando a localidade en algo novo a descubrir se se mira e percorre con outros ollos.

O taboleiro está feito con elementos característicos do municipio, concebido como un orixinal e inédito xogo da oca.

“É importante que dende pequenos coñezamos o valor do noso territorio para ser conscientes e saber coidalo o día de mañá”, explica a arquitecta Sandra González.

As actividades que se plantexan nos obradoiros estructuraránse a través de seis conceptos fundamentais: a percepción, o espazo, a paisaxe, a escala, a sustentabilidade, a vila, e con ferramentas coma o punto, a liña o plano e o elemento tridimensional.

Concebir a vila como espazo de xogo, recuperando ideas propostas polo holandés Aldo Van Eyck, e tamén cas premisas e Francesco Tonucci , creador do programa “ A cidade dos nenos”, é un dos obxectivos desta iniciativa que busca que os nenos e nenas actúen como vangarda da recuperación do territorio para a cidadanía e que vén de desenvolverse nos últimos anos con grande éxito en localidades como Vilagarcía, Carballo, Arzúa, Ames, Rianxo, Cambados, Arteixo, Malpica ou Santiago, entre outros.