Chega a Silleda o Musical dos 80’s e 90’s, o espectáculo que triunfou en Madrid

-O venres 20 de outubro, ás 21:30 horas, no Auditorio Semana Verde de Galicia de Silleda poderase desfrutar do Musical dos 80’s e 90’s da compañía Onbeat. É o primeiro musical oitenteiro que encheu teatros de toda España, entre eles o de Gran Vía de Madrid.

Silleda, 6 de setembro de 2023-. O Musical dos 80’s e 90’s chega ao Auditorio Semana Verde de Galicia de Silleda o venres 20 de outubro ás 21:30 horas. Trátase dun teatro musical baseado no reencontro de varios amigos do instituto 25 anos despois no bar “La Movida del Bacalao” para recordar cancións do pop español dos anos 80 e 90, hits deses veráns e éxitos internacionais.

Nun ambiente de comedia e diversión, o público asistente poderá participar no espectáculo cantando e bailando cos personaxes.

O Musical dos 80’s e 90’s, da compañía Onbeat e distribuída por Pares o nones, xa obtivo éxito no teatro EDP Gran Vía de Madrid, estando tamén en Barcelona e noutras cidades de España.

Poderase mercar a entrada de maneira online en woutick.es e tamén no Concello de Silleda, na cafetería Cuppedia, no bar Pukará e no Bar Arume, a un prezo de 15 euros (18 euros en taquilla).