As operadoras de telefonía móbil, Telefónica, Vodafone e Orange, anunciaron que durante as próximas semanas realizarán en Silleda o proceso de implantación dos servizos de telefonía móbil de nova xeración, 4G e 5G, sobre as bandas de 800 e 700 MHz, respectivamente, o que permitirá á veciñanza silledense gozar de conexións móbiles de alta velocidade cunha mellor cobertura no interior dos edificios e maior extensión xeográfica.
Para garantir a compatibilidade da nova tecnoloxía coa televisión dixital terrestre (TDT), Llega700 é a entidade posta en marcha polos operadores para solucionar calquera afectación na recepción do sinal de televisión.
O proceso de implantación está a realizarse de forma paulatina por toda a xeografía estatal. Para comprobar as localidades onde xa están activos estes servizos, pódese consultar a seguinte ligazón: https://www.llega700.es/contacto_mapa.php.
O despregamento enmárcase no establecido no Real Decreto 579/2019
Este proceso realizouse a partir da liberación das frecuencias entre 694 e 790 MHz (canles 49 ao 60 de UHF), que ata entón se empregaban para a recepción da Televisión Dixital Terrestre, nun procedemento coñecido como Segundo Dividendo Dixital. A partir de entón, esas frecuencias foron asignadas ás operadoras de telefonía móbil para prestar os seus servizos de nova xeración.
Principais vantaxes: máis e mellor cobertura
Coa nova rede móbil ábrese a porta a innovadores servizos e aplicacións, ademais de proporcionar melloras significativas tanto na velocidade de descarga como no envío de datos (fotos, música ou contidos audiovisuais en alta definición). Tamén permitirá sacar o máximo partido a aplicacións en liña, como os videoxogos.
A rede de telefonía móbil de nova xeración introduce dúas melloras fundamentais:
- A primeira é a solución aos diversos problemas relacionados coa orografía complicada presente na xeografía española, onde tradicionalmente fallaba a cobertura.
- A segunda é a gran penetración en zonas interiores dos edificios.
A nova xeración tamén facilita a introdución de novos servizos no ámbito empresarial e das administracións públicas, como aplicacións empresariais en mobilidade con alto contido multimedia ou o uso da videoconferencia, entre outros.
Ademais, a maior cobertura que alcanza o despregamento nas bandas de 700 e 800 MHz mellorará o servizo no interior dos edificios e permitirá estender o servizo de forma eficiente en termos xeográficos.
Garantindo a compatibilidade da rede móbil de nova xeración e a TDT
Llega700 é a entidade xestora encargada de ofrecer os servizos que garantirán a compatibilidade entre a posta en marcha da emisión móbil 4G e 5G nas bandas de 800 e 700 MHz, respectivamente, e a recepción do servizo de TDT.
Para garantir esta compatibilidade, Llega700 pon a disposición da cidadanía unha serie de servizos gratuítos, incluíndo un procedemento correctivo tras o acendido das estacións, polo cal Llega700 atenderá os usuarios afectados, xestionando e resolvendo posibles incidencias sen ningún custo.
Para xestionar estes servizos, púxose á disposición da cidadanía un teléfono de atención gratuíto (900 833 999) e a páxina web www.llega700.es.