Cincuenta persoas participan este sábado na charla sobre o proxecto Montessori do Programa Avelaíña

Silleda, 11 de maio de 2017.  Pasado mañá sábado celebrarase en Silleda unha sesión sobre pedagoxía Montessori no marco do programa Avelaíña, posto en marcha pola Concellería de Cultura a finais do ano 2015.

Unha vez máis a convocatoria resultou todo un éxito, anotándose a día de hoxe 50 persoas procedentes tanto de Silleda como de localidades limítrofes e outros municipios galegos (Ames, Pontevedra, Lalín, A Estrada, Vila de Cruces….).

A sesión, ao igual que resto de actividades do Programa Avelaíña, é gratuita pero para participar é preciso inscribirse. A sesión será impartida por Andrea Castro Otero, coordinadora do programa Galicia Montessori, asistente da Asociación Internacional Montessori e psicoterapeuta infantil. Será dende as 10:30 ás 13:30 horas.

Na sesión abordaránse cuestións relacionadas coa importancia dos seis primeiros anos de vida dos nenos/as, os principios do método Montessori (ideado a principios do século XX pola educadora, mestra e médica italiana María Montessori), o papel dos adultos, a mente absorvente…

Dende o Programa Avelaíña, posto en marcha no ano 2015 pola Concellaría de Cultura de Silleda con actividades formativas, lúdicas e divulgativas para os nenos e nenas de 0 a 6 anos, continúase así apostando por cuestións de interese relacionadas co crecemento, educación e benestar dos máis novos.