Comenzan as obras do vial de acceso á parroquia de Saídres, cun investimento de 139.966 euros

As obras, a través do Plan Concellos da Deputación,  foron adxudicadas á empresa Taboada y Ramos. O tramo, de algo máis de 3 kilómetros,  vai dende Negreiros ata Carboeiro de Francia

 Silleda, 11 de agosto de 2020.  O Concello de Silleda continua mellorando a rede viaria no rural. Un dos proxectos que xa se comezou a executar é o da mellora integral do vial que da acceso á parroquia de Saídres, que presenta dende hai tempo numerosas deficiencias.

Trátase dun tramo de máis de 3 kilómetros, dende o cruce ca estrada provincial EP 6502 (Silleda-Castro Merza), á altura de Negreiros, ata o lugar de Carboeiro de Francia.

Os traballos foron adxudicados á empresa Taboada y Ramos, por importe de 139.966,75 euros, IVE incluido.  As obras comezaron nos últimos días coa limpeza e perfilados das cunetas, ás que seguirá a mellora de toda a calzada, con aglomerado en quente. “Trátase dun vial moi transitado, xa que é o único que da acceso á parroquia de Saídres”, indica o concelleiro de Obras e Vías, Antonio Ferro Losada, que hoxe visitou os traballos.

Este investimento afrontarase a través dos fondos municipais que lle corresponden a Silleda polo Plan Concellos da Deputación. “Continuamos mellorando así a extensa rede viaria que temos no noso rural”, indica o concelleiro, “priorizando as vías principais de acceso, como é este caso ou como foi o investimento realizado últimamente no vial Piñeiro-Abades, tamén cunha notable lonxitude”, indica.

Nos vindeiros días tamén se iniciará o proceso de contratación doutro proxecto a través do que se mellorarán outros 7 viais en distintos puntos do municipio, tamén cun investimento –neste caso de 250.000 euros- con cargo ao citado Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.

Trátase dos viais de Camiño do Foxo (un vial cercano á vila de  Silleda); no lugar de Cimadevila, na parroquia de Escuadro; en O Marco, na parroquia de Siador, e a pista de Maril, en Fiestras. Tamén se inclue outro vial en O Ribeirao (Negreiros) e outras dúas en Manduas, no tramo de Vilaverde-Medelo e en A Moa.