Comeza a fin de semana grande do entroido no municipio de Silleda, con música, premios aos mellores disfraces e a tradición dos Xenerais da Ulla

Silleda,  20 de febreiro de  2020.  O municipio de Silleda encara a fin de semana do entroido con distintas actividades. Así, mañá venres celebrarase no Restaurante Coteliño o Xantar de entroido dos Maiores, ás 14:00 horas, con animación a cargo de Punto Zero.

Haberá premios da Concellería de Benestar para o disfraza máis divertido, o máis orixinal e o máis simpático, e ao máis enxeñoso. Tamén mañá pola noite na Bandeira celebarase a Vellada, polos bares da localidade onde servirán tapas típicas do entroido, acompañada da música da charanga.

O sábado será o día grande na Bandeira, un dos principais destacamentos da tradición dos Xenerais da Ulla, declarada Festa de Interese Turístico Galego.  A xornada arrancará ás 16:30 co desfile que partirá dende a rúa do Deporte, pasando pola Ramón de Valenzuela, rúa Xeral e praza do Entroido.

Alí os alumnos e alumnas do CEIP Ramón de Valenzuela –que hoxe participaron nos atranques escolares de Vila de Cruces- abrirán co alto infantil a batalla tradicional dialéctica, ás 17:30 horas. O alto dos maiores comezará sobre as 18:00 horas.

Pola noite,  a partir das 23:00 horas terá lugar a horas terá lugar o baile de disfraces no pavillón a cargo de Trío Formas, Dúo Nueva Era e DJ Troula onde se entregarán os premios aos mellores disfraces nas distintas categorías ( comparasas e carrozas, individuais e charangas).

Na categoría de comparsas e carrozas establécense 5 premios: o primeiro premio, con 500 euros, está outorgado por Frigoríficos Bandeira e Ortopedia Silva. O segundo premio, de 300 euros, sufrágano Bar Arume e Óptica Silva;  o terceiro con 200 euros, outorgo Bar Plazoleta e A taberna do Músico;  o cuarto premio (Bar Victorino e Bar Trécola) será de 100 euros; e o quinto premio (Mercamella e Peluquería Ester), é de 60 euros.

Na categoría de individuais, o primeiro premio  será outorgado por Vinoteca Cadeira, Bar Tachy e Dulce Deza, con 150 euros. O segundo, de Clínica Dental Marta Macías é de 75 euros; e para o terceiro o Eco Hotel Nós regala unha noite para dúas persoas.

Na categoría de Charangas o primeiro e o segundo premio serán outorgados polo Concello de Silleda, con 200 e 100 euros respectivamente.

Dende a organización, a cargo da Asociación Amigos da Empanada en colabroación cos xenerais da Bandeira, agradécese a colaboración de todos os establecementos nos premios.

Tamén o sábado de entroido en Silleda terá lugar unha xornada organizada pola Banda de Música Municipal. A cita será pola noite na praza Juan Salgueiro, onde se celebrará o concerto “Clásicos á galega” (20:00 horas), no que a formación acompañará a Suso Vaamonde. Ao remate celebrarse unha cea e a sobremesa estará a cargo do Dúo Media Luna, con sorteos entre os asistentes.

O domingo de Entroido Silleda volve celebrar ao igual que o pasado ano o desfile e concurso de disfraces, organizado polo Concello en colaboración con varios colectivos da vila (Ecos, Banda de Música Municipal, Asociación Cultural O Lacón e Escola de Fútbol de Silleda). O desfile partirá ás 17:00 horas dende a Casa da Cultura percorrendo a rúa Progreso, Avenida do Parque, Santa Eulalia e Venezuela para rematar na praza de Juan Salgueiro onde se realizará a entrega dos premios e amenizará a tarde o Dúo Acuarela.

Haberá duas categorías: de grupos e individual/parellas. Na de grupos o primeiro e o segundo premios serán outorgados polo Concello de Silleda (300 e 150 euros respectivamente); e o terceiro o dona Estación de Servicio Silleda, con 75 euros máis 4 lavados de automóvil gratis.

Na de individual parellas, o primeiro premio o outorga Ferretería Valiño, con 100 euros ; o segundo Nudesa, con 75 euros, e o terceiro, un reloxo fit o outorga Fotografía Bernabé.

Dende a organización agradécese tamén a colaboración de todos os establecemetnos e empresas que participan.

O luns de entroido, 24 de febreiro, a Asociación Cultural Vista Alegre acolle outro clásico destas datas: a festa infantil de disfraces, con animación a partir das 17:00 horas.

O martes de entroido os máis pequenos tamén serán protagonistas en Silleda, ca festa organizada dende o colectivo do comercio ECOS na praza de Juan Salgueiro (en caso de choiva será na Casa da Xuventude).

Remate o día 29, con Ruada e cita en Laro

A programación de Entroido no municipio silledense prolongarase ata o sábado 29 de febreiro. Así, nesta xornada ás 21:00 horas dará comezo a segunda edición da Ruada de Entroido organizada pola Asociación Fortín da Pomba no entorno da  praza da Feira da Bandeira, na que se agarda a participación de distintos grupos.

Na parroquia de Laro, a Asociación de Veciños desta localidade tamén organzia neste Sábado de Piñata, unha festa no Centro Social, con animación a partir das 16:30, desfile de máscaras , chocolatada e sorteos entre outros.

Dende a Concellería de Cultura Mónica González destaca o traballo realizado polos distintos colectivos que participan na organización deste programa, “ e que veñen traballando nos últimos anos pola recuperación e mantemento das nosas tradicións con apoio do Concello”, engade, ademais de agradecer a colaboración de empresas patrocinadoras, colaboradores  e dos colectivos que organizan.