Comeza o acondicionamento do solar da Bandeira cedido para zona axardinada pública

Silleda, 7 de xaneiro de 2015. O Concello de Silleda iniciou hoxe os traballos de acondicionamento da parcela situada na rúa Xeral número 48 da Bandeira, que fora cedida pola familia propietaria o pasado ano.

Os operarios municipais xa derribaron hoxe os restos da antiga fachada deste céntrico solar que se acondicionará como zona axardinada pública. Así mesmo tamén servirá como zona de paso entre a rúa Xeral da Bandeira e a rúa da Feira. Unha vez retiradas as pedras e allanado o terreo, procederase á creación da zona axardinada.

A cesión terá, coma noutros casos asinados recentemente, unha duración indeterminada, ata que os propietarios do terreo decidan destinalo a outro uso, notificándollo previamente ao Concello de Silleda, que asumirá todos os gastos e traballos para o adecentamento do terreo.

Humanización da vila

A iniciativa neste caso partiu do Concello de Silleda, que á vista da situación da parcela, en desuso, e da necesidade de mellorar o seu acondicionamento, propuxo á familia propietaria (que reside fóra) asinar este convenio.  O alcalde, Manuel Cuíña, amosa o agradecemento en nome de todos os veciños e veciñas, pola boa disposición e o xesto da familia propietaria.

Esta actuación tamén contribuirá a seguir apostando pola humanización da vila da Bandeira, onde se realizaron recentemente outros traballos nesta liña. “Cremos que se trata dun acordo que beneficiará á veciñanza e contribuirá a mellorar a imaxe do pobo da Bandeira”, apunta Cuíña, que hoxe visitou os traballos xunto co concelleiro de Servizos, Klaus Brey.

Outras cesións de particulares

Ao longo da presente lexislatura o goberno municipal asinou con varios particulares convenios similares para o uso público de solares, caso dos aparcamentos nas rúas María Colmeiro e Cartaxena, en Silleda, ou a zona axardinada que da acceso ao campo de golf, entre outros.