Comeza o programa de atención integral a familias e enfermos de Alzhéimer

Silleda, 11 de marzo de 2015. O Concello de Silleda iniciou hoxe o programa integral de Alzheimer, posto en marcha en colaboración coa Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e outras demencias da provincia de Pontevedra (AFAPO), a través da sinatura dun convenio.

A iniciativa comezou co curso para coidadores/as e personas interesadas na enfermidade, con sesións que se prolongarán ao longo deste mes (todos os mércores pola tarde) na Casa da Xuventude. En total participan 24 persoas, e ademais de coidadores e familiares de persoas aqueixadas desta doenza, tamén participan persoas interesadas nesta enfermidade ou vinculadas á xerontoloxía.

O obxectivo é mellorar o estado físico e emocional do coidadaores, así como adestrar capacidades funcionais e cognitivas do enfermo, ademais de asesorar tamén e informar sobre recursos ás familias. Na presentación participaron as concelleiras Dolores García e Pilar Peón.

Este programa está financiado polo Concello de Silleda e a Fundación Barrié que aportan, respectivamente 4.500 euros, así como polos propios usuarios que aportan unha pequena cantidade ao mes.

Obradoiros de estimulación  cognitiva ata decembro

Tamén  nos vindeiros días comezará o proceso de valoración dos usuarios inscritos nos obradoiros de estimulación para enfermos, en colaboración co departamento municipal de Benestar Social.

Os obradoiros iniciaranse a mediados do vindeiro mes de abril e continuarán, nas xornadas de martes e xoves, ata o mes de decembro, cun paréntese no mes de agosto, en horario de 10.30 a 12.30 horas. O lugar de celebración sern tamén as dependencias da Casa da Xuventude, por cuestións de accesibilidade, onde xa se celebraron actividades similares, tamén da man de Afapo.

 O Concello de Silleda foi un dos municipios seleccionados para formar parte da Rede Paraguas Alzhéimer, da man da Federación de Asociacións Galegas de Enfermos de Alzhéimer, (Fagal) e da Fundación Barrié. Estas sesións xa foron impartidas por personal de Afapo.