Comeza o programa de compostaxe doméstica cunha xornada informativa o martes 14 de xullo

Silleda, 4 de xullo de 2015. O Concello de Silleda vén de sumarse ao programa de compostaxe doméstica de Sogama. A iniciativa arrancará nos vindeiros días, con unha xornada informativa, que se celebrará o vindeiro martes día 14. Nesta sesión, as persoas que estén interesadas en participar no programa recibirán ademais un composteiro e un manual sobre esta técnica de reciclaxe de residuos.

As persoas que desexen participar poden inscribirse chamando ao Concello (986 580000).

“Contamos con 50 composteiros aportados por Sogama, polo tanto o número de participantes é limitado”, explica o concelleiro de Medio Ambiente, Luis Rodríguez.

O pasado martes día 30 preto de 30 veciños e veciñas de Silleda visitaron as instalacións de Sogama en Cerceda, na excursión organizada dende o Concello, onde coñeceron entre outros este programa ao que xa se sumaron máis de cen entidades de toda Galicia.

Con este programa búscase capacitar á poboación para fabricar compost a escala doméstica, obtendo un abono natural para fertilizar hortas, xardíns e terras de cultivo.

“Así mesmo, queremos concienciar á poboación sobre a problemática dos residuos e ao mesmo tempo reducir a cantidade de lixo no noso municipio, e así abaratar tamén custes”, explica Luis Rodríguez.

Durante a visita a Sogama, con membros de asociaciónns do municipio, xa se rexistrou algunha inscripción para participar neste programa, para o que se realizará un seguimento.