Comezan a traballar as 17 persoas desempregadas que participarán no Programa de Obras e Humanización

Silleda, 1 de decembro 2014. O Concello de Silleda pon en marcha dende hoxe un novo plan de traballo, no que se creará un equipo formado por un total total de dezasete operarios/as en situación de desemprego.

Trátase de persoas desempregadas e que seguirán percibindo o subsidio do INEM, ademais doutra cantidade a maiores que achegará o Concello de Silleda, ata completar a Base de Cotización Social, e un seguro especial que cubra a eventualidade de accidentes de traballo.

O alcalde aclara que se trata de un plan específico para apoiar ás persoas en situación de desemprego, non de novas contratacións. “Silleda foi un dos primeiros municipios que puxo en marcha iniciativas como esta, que non implican a contratación dos operarios”, explica.

Dende o Concello xa se solicitou ao Servizo Galego de Colocación que se faga a pertinente selección. O grupo foi recibido no consistorio polo alcalde, Manuel Cuiña, e membros do equipo de goberno.

O pasado mes de outubro fíxose a solicitude correspondente á  Oficina de Emprego, que se encargou da tramitación e selección do persoal para a posta en marcha do chamado Programa de Obras de Humanización Municipal 2014-2015.

Dos 17 operarios/as solicitados,  6 son peóns operarios para obras públicas (barredores), que traballarán na limpeza de viarios e conservación de mobiliario, así coma o lavado de beirarrúas , ou limpeza doutros espazos . Tamén se solicitan 5 operarios de xardinería, para acondicionamento e atención das diferentes áreas recreativas que son propiedade do Concello (parque das Pedrosas, parques infantís, áreas de descanso, áreas recreativas no rural, xunto á vía da prata…).

Solicítase tamén unha persoa para traballar na limpeza de edificios públicos e un oficial electricista para completar os traballos que se están a realziar dentro do programa de aforro enerxético.

O Programa de Obras de Humanización Municipal 2014-2015 tamén contará con un equipo formado por 2 albaneis Oficiais de Primeira e dous peóns de construcción, que se centrará na reparación, restauración e mantemento de rúas, pistas, centros sociais do rural  ou outros edificios de titularidade municipal, segundo as necesidades.

Durante 6 meses

Todos eles traballarán a xornada completa (de 08.00 a 15.00 horas), por un período de 6 meses, o máximo que permite este programa. O Concello de Silleda tería que asumir a diferencia do salario ata a base de cotización (no caso dos que non teñan completaríase o abono ata o Salario Mínimo Interprofesional).

O alcalde, Manuel Cuíña advirte que con esta proposta se está a axudar as persoas que están a día de hoxe no paro “tendo en conta que, por exemplo,  os que levan xa seis meses en situación de desemprego só están a cobrar a metade do subsidio”. Sinala ademais que a través deste programa o Concello poderá dispoñer de personal para realizar “tarefas que son básicas” nun momento complicado “ao non poder realizar contratacións polo plan de axuste e tendo en conta as políticas de recorte que están aplicando outras Administracións”.

.