Comezan as obras de mellora do acceso á igrexa de Cortegada

Silleda, 28 de xaneiro de 2015. As obras para  mellorar o acceso á igrexa parroquial de Santa María de Cortegada, que contará ademais cunha senda peonil, están xa en marcha.

A empresa Endenor, adxudicataria dos traballos promovidos polo Concello de Silleda, xa comezou as obras que continuarán ao longo das próximas semanas.  

Estre proxecto de mellora consiste na rehabilitación do firme da vía e na creación dunha senda peonil na marxe dereita da calzada.

A actuación,  que veñen demandando os veciños da localidade, xurde a raiz do mal estado do vial. Nestes días xa se están a realizar as labores de desterré para proceder ao ensanchamento. “Trátase dunha actuación necesaria porque se mellorarán tamén aspectos relacionados coa seguridade vial”, indica o alcalde, Manuel Cuíña.

Así, tamén se realizará o  saneo das zonas do firme deterioradas e rehabilitación do mesmo, con unha nova capa de rodadura. Para a execución da senda peonil empregarase unha capa de cemento-terra. A actuación consiste no desmonte de parte do terraplén natural do terreo, no tramo inicial de subida, xerando un acceso peonil que se diferenciaría da zona do tránsito rodado.

O orzamento total desta actuación sitúase en 26.565, 86 euros e coas obras actuarase nun tramo de 315 metros de lonxitude e unha superficie total de 1.102,5 metros cadrados.

Dende o Concello de Silleda agárdase que as obras poidan estar listas no menor prazo de tempo posible .

“Con esta actuación queremos mellorar a accesibilidade nesta zona, onde a senda peonil permitirá a moitos usuarios acceder a pé á igrexa en condicións de seguridade”, sinala o alcalde, que lembra que a obra vén a sumarse a outras actuacións para remodelar accesos e infraestruturas no rural silledense.