Comezan as obras de mellora integral das pistas na parroquia de Refoxos 

Silleda,  10 de marzo de 2025.-O Concello de Silleda continúa arranxando a extensa rede viaria municipal cos fondos que lle corresponden do programa Máis Provincia da Deputación de Pontevedra (antigo Plan Concellos). Así, hoxe veñen de comezar os traballos de arranxo integral da rede viaria na parroquia de Refoxos.

A empresa Taboada y Ramos, adxudicataria destas obras, iniciou as labores de limpeza das pistas, que se prolongarán os vindeiros días.

Nesta localidade melloránse os accesos a prácticamente a totalidade dos núcleos, con actuacións en A Pallota, Xastres, O Outeiro, Cardesin, Lázara, A Calzada e O Couto. Algúns deles a mellora será con formigonado dos viais e noutros con asfaltado en quente, incluindo varios tramos do vial principal que vertebra esta localidade.

O proxecto, cun investimento de 350.000 euros, inclue tamén outra actuación na parroquia de Manduas, que se realizará unha vez rematada a obra en Refoxos.

A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, que hoxe se achegou ata Refoxos,  destaca que “con este programa continuamos a liña de traballo dos últimos anos, aglomerando en quente os accesos principais e mellorando cunha dotación de maior durabilidade a nosa rede viaria”.