Comezan as obras de remodelación da praza Siñor Afranio

Silleda, 29 de setembro de 2014. As obras de reforma e mellora nas insterseccións da rúa Progreso de Silleda continúan estes días coa renovación do firme á altura da praza Siñor Afranio, fronte á Casa da Cultura.

Neste punto, na confluencia coa rúa Cartaxena, os trabllos de mellora inclúen a dotación de formigón impreso. Estes traballos obrigan a reordenar o tráfico na zona durante os vindeiros 8 días, tempo estimado para a realización das obras.

Deste xeito, quedará pechada ao tráfico a rúa Cartaxena e tamén a Alonso Ríos, outra das rúas que da acceso á praza, ata o cruce coa rúa Castrelo. Nesta última cambiase o sentido da circulación para poder desviar o tráfico.

“Apelamos á colaboración e á comprensión dos veciños e visitantes durante os vindeiros días para a consecución de unhas obras que supoñen seguir avanzando na mellora e humanización de espazos urbanos”, indica o alcalde, Manuel Cuíña.

No caso do cruzamento coa praza Siñor Afranio, tamén se eleva a cota do pavimento asfaltado ata o actual borde da beirarrúa, eliminando por completo as barreiras arquitectónicas. Esta ampliación faise con formigón impreso, similar ao colocado na rúa Cartaxena.
As obras comezaron co ensanchamento das beirarrúas nas insterseccións da Proreso coa rúa Emilio Alonso Paz, República Arxentina e a praza Siñor Afranio.

 

A intervención que se está a levar a cabo nesta céntrica zona de Silleda  ten un orzamento de 49.641,65 euros.
No cruce de Progreso coa Alonso Paz, onde se iniciaron as obras,  ampliáronse as  catro esquinas da beirarrúa para conseguir a formación de vaos peonís.

A semana pasada elevouse tamén  a cota do asfalto para manter ao mesmo nivel a rúa Emilio Alonso Paz.

Dende o goberno municipal, o alcalde, Manuel Cuiña, sinala que con esta intervención ademais da mellora estética destes puntos do casco urbano, tamén se gañará en accesibilidade e seguridade neste tramo urbano.