Comezan as obras de remodelación dos vestiarios das piscinas municipais da Bandeira

 

  • A actuación, executada por Taboada y Ramos por preto de 123.000 euros, permitirá mellorar a funcionalidade, o confort e a accesibilidade destas instalacións de cara á campaña estival

Silleda, 5 de maio de 2026. O Concello de Silleda vén de iniciar as obras de remodelación interior dos vestiarios das piscinas municipais da Bandeira, unha actuación coa que se pretende mellorar de maneira integral estas instalacións deportivas de cara á súa apertura na vindeira tempada de verán.

Os traballos foron adxudicados á empresa Construcciones y Obras Taboada Ramos S.L.U. por un importe de 122.966,66 euros, IVE incluído, no marco dun proceso ao que se presentaron dúas ofertas.

A actuación permitirá renovar e reorganizar o interior do edificio dos vestiarios, actuando sobre unha superficie total de 229,80 metros cadrados. O proxecto contempla a mellora dos distintos espazos de servizo vinculados ao recinto, entre eles o vestiario feminino, o vestiario masculino, a enfermaría, o almacén, a sala de bombas, a zona de acceso e corredores, así como a área de cafetería e a zona de paso.

Ademais, incluiranse actuacións orientadas a mellorar a accesibilidade, incorporando criterios específicos en servizos hixiénicos e duchas para garantir un uso máis cómodo e inclusivo por parte de todas as persoas usuarias. O proxecto tamén recolle a dotación de auga quente no recinto, así como o acabado da fachada e melloras de seguridade na zona da terraza, situada na parte superior dos vestiarios.

Dende o goberno municipal saliéntase a importancia desta intervención, que suporá unha mellora substancial nunhas instalacións moi empregadas durante a campaña estival e que precisaban dunha posta ao día para ofrecer un mellor servizo á veciñanza.

A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, que visitou as obras xunto á concelleira de Deporte, Mónica González, e os responsables da obra destaca que “con esta actuación seguimos avanzando na mellora das infraestruturas deportivas municipais, apostando por espazos máis cómodos, funcionais e accesibles”. A rexedora engade que “trátase dunha obra importante para a Bandeira e para o conxunto do municipio, xa que permitirá ofrecer unhas instalacións renovadas e en mellores condicións para a próxima tempada de verán”.

Fernández lembra ademais que esta actuación “dá continuidade á liña de traballo que o Concello vén mantendo nos últimos anos para modernizar os espazos deportivos e de lecer”, e súmase á remodelación executada no ano 2021 nas piscinas municipais de Silleda, onde tamén se acometeu a renovación e adaptación dos vestiarios.

A obra financiarase con cargo ao III Plan de Infraestruturas Deportivas da Deputación de Pontevedra, dentro da aposta municipal por seguir mellorando os equipamentos públicos do municipio e adaptalos ás necesidades actuais.

Melloras nos vestiarios de Silleda

Por outra banda, nas vindeiras semanas tamén está previsto mellorar o pavimento dos vestiarios do recinto das piscinas municipais de Silleda, tamén de cara á tempada estival que arrancará nas instalacións das dúas piscinas o vindeiro día 1 de xullo.