Comezan as obras do Centro de Interpretación da Natureza de Escuadro

Silleda, 23 de setembro de 2013.  Hoxe iniciáronse os traballos para a dotación do sendeiro ata a Fervenza da Férveda, na parroquia de Escuadro, o gran protagonista do Centro de Interpretación da Natureza, proxecto que se executa nesta localidade a través do Fondo de Compensación Ambiental.

O alcalde e responsable municipal de Obras, Manuel Cuíña, visitou hoxe o lugar, onde as obras comezaron coa limpeza do entorno do muíño de Varela e do lavadoiro. Estas dúas construcción están xuntas e situadas moi preto do teleclub da parroquia, onde comeza a ruta e onde se instalará o Centro de Interpretación, con material informativo e divulgativo.

Ambas construccións quedarán totalmente restauradas así coma o seu entorno onde se colocará mobiliario a modo dunha pequena área de descanso.

Así mesmo, os traballos de limpeza do roteiro, de preto de 3 kilómetros, xa foron acometidos nos últimos días. A actuación foi adxudicada á empresa silledense Construccións Míguez Xestoso, que presentou a oferta máis vantaxosa das tres solicitadas cun prezo de 46. 593,34 euros. A obra realízase con cargo ao chamado Fondo de Compensación Ambiental, polo que o Concello de Silleda recibirá unha axuda de 33.375,74 euros, completando a cantidade restante con fondos municipais.

“Por fin podemos comezar unha actuación moi agardada polos veciños e que contribuirá á promoción e divulgación do fermoso paraxe da fervenza de Férveda”, sinala Cuíña.

Así mesmo, o alcalde destaca que esta actuación forma parte dun conxunto de obras e servizos “que estamos a realizar dende este goberno municipal, facendo un grande esforzo nunha época de crise coma esta”, engade.

“Estamos nun momento único, porque en épocas de bonanza nunca se fixo tal transformación de Silleda, tanto no ámbito rural coma nos cascos urbanos”, di lembrando actuacións realizadas nas últimas semanas, como as dotacións de auga no rural, o derrube da vivenda de Taboada, mellora de pistas ou os proxectos previstos para mellorar rúas e cruces de Silleda ou o entorno da praza da Feira da Bandeira, entre outras.