Concello, Ecos e IES Pintor Colmeiro perfilan colaboracións para o programa de Nadal

Silleda, 14 de novembro de 2015. A Concellería de Comercio de Silleda organizou hoxe un encontro coa asociación de comercio ECOS e co IES Pintor Colmeiro para perfilar colaboracións no programa e campañas de Nadal.

Así, quedou xa pechado o concurso de escaparates de Nadal, que se celebrará a partir do día 9 de decembro. Os premios serán similares aos de anos anteriores e de novo a convocatoria contará coa colaboración do Ciclo Superior de Xestión Comercial e Marketing do IES de Silleda.

Outro dos asuntos tratados foi a decoración de espazos públicos. En colaboración con ECOS e co IES propúxose facer unha decoración con bolas nas rúas. Tamén se aposta por recuperar elementos feitos en anos anteriores con material de refugallo para situar nas prazas.

Non faltará tampouco no programa o curso de empaquetado, ou a campaña de recollida de xoguetes, nas que tamén haberá participación activa do centro educativo.

Dende ECOS, o seu presidente, Alberto López, exlicou a novidosa iniciativa do colectivo para este Nadal, que leva por título O escaparate equivocado, e que premiará tamén aos clientes do comercio local.

Promoción do galego

No encontro tamén se abordaron propostas relacionadas coa Normalización Lingüística. Así, o concurso de escaparates contará este ano como novidade coa introducción nas bases de que o uso do idioma será tamén elemento puntuable no concurso, entre outras actividades propostas dende a Concellería de Normalización Lingüística e o departamento de normalización do IES.

Outra das iniciativas pasa por retomar as cartas menús en tres idiomas, ampliando esta iniciativa aos 24 establecementos de restauración do municipio.

Ademais do concelleiro de comercio, Luis Rodríguez, asistiron o presidente de ECOS, Alberto López, o director do IES, Xesús Fernández Sulleiro, a responsable do Ciclo de Comercio, Helena González, o coordinador do Equipo de Normalización do IES, Cibrán Arxibai, e técnicos municipais de Comercio e Normalización.

Dende o Concello de Silleda agradécese a grande implicación tanto do IES Pintor Colmeiro, e de ECOS, nas distintas iniciativas plantexadas.