Constituida a Xunta de Goberno Local do Concello de Silleda

Silleda, 23 de xuño de 2015. Hoxe celebrouse a sesión constitutiva da Xunta de Goberno Local de Silleda, presidida polo alcalde, Manuel Cuiña Fernández. Nesta primeira sesión, ademais dos integrantes deste órgano (que se completa cos dous tenentes de alcalde, Klaus Brey e Ana Luisa González, e os concelleiros Jesús Taboada e María José Fernández), tamén asistiron os outros dous membros do executivo local (Pili Peón e Luis Rodríguez), sen voz nen voto.

“Trataremos que na medida do posible asistan tamén estes dous compañeiros, xa que estas reunións, a parte da adopción de distintos acordos, serven para manter aos membros do goberno informados sobre cuestións ou trámites en marcha”, explica Cuiña.

Nesta sesión, a primeira desta nova lexislatura aprobáronse, entre outros temas,  licenza urbanísticas e certificacións de obra.

Rúa da parte traseira da igrexa

Por outra banda, tamén se procedeu á apertura dos sobre coas ofertas para a realización das obras de remodelación e mellora da rúa situada na parte posterior á igrexa de Silleda. Esta actuación ten un orzamento total de 62.093 euros. Para levala a cabo, o Concello concorreu á orde de Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, que regula a concesión de axudas para a mellora, ampliación ou rehabilitación de espazos públicos .  O mes pasado mes de maio a entidade autonómica notificou a concesión de financiamento, cun total de 40.000 euros. O resto completarase con fondos municipais.

Comisión Informativas para os orzamentos

Por outra banda, hoxe tamén se convocou xa a Comisión Informativa Especial de Contas e Facenda, que preside o alcalde, para o vindeiro xoves 25 ás 13.00 horas.

Nesta sesión, o goberno presentará aos grupos municipais o proxecto dos orzamentos de 2015, que se someterán á aprobación inicial en Pleno extraordinario o vindeiro martes día 30.