Continúan a bo ritmo as obras da primeira fase do campo da Gandareira

Silleda, 5 de decembro de 2017.  As obras de remodelación integral do campo de fútbol da Gandareira,  na Bandeira, continúan a bo ritmo. O alcalde, Manuel Cuiña, visitou hoxe os traballos acompañado do concelleiro de Obras e Servizos, Klaus Brey, responsables da empresa Taboada y Ramos, que executa os traballos, e o director de obra e autor do proxecto, Abraham Castro.

Esta primeira fase da obra iniciouse a finais do verán co derrube dos muros e a antiga estructura do campo. As obras, cunha inversión de 400.000 euros, incluen toda a rede de saneamento, iluminación, sistema de rego, o céspede artificial co correspondente sistema de drenaxe, o peche exterior do campo e a urbanización interior.

O resto da actuación, xa nunha segunda fase incluirá a urbanización exterior de todo o campo, vestiarios e graderío así como a mellora do entorno. Esta segunda fase suporá unha inversión de 882.000 euros, dos que a Deputación de Pontevedra aportará o 80% no das subvencións para investimentos en equipamentos e dotacións singulares na mellora do reequilibrio territorial dos servizos en municipios de menos de 20.000 habitantes, cunha axuda de 706.136 euros  para levar a cabo esta segunda fase.

“Esta actuación é xunto coa construcción do Centro de Día e Residencia de Maiores unha das maiores inversión  desta lexislatura”, indica Manuel Cuiña, que hoxe supervisou os traballos.  En total nas dúas fases da Gandareira investiranse máis de 1,2 millóns de euros.

O interior do campo, o único dos catro existentes no municipo que quedaba en terra, estará rematado a finais de ano para iniciarse despois a segunda fase das obras.