Convocada a quinta edición do concurso de Cómic da Bibilioteca de Silleda , ca temática da reciclaxe

Silleda, 10 de febreiro de 2020.  A Concellería de Educación de Silleda, que dirixe Ángela Troitiño, vén de convocar o V Concurso de Cómic da Biblioteca Pública Municipal Daniel Castelao.

Este ano o certame ten como lema “A Reciclaxe” e contará con premios económicos  e outros . As bases xa poden consultarse dende hoxe na web municipal www.silleda.gal,  tanto no apartado de Novas como no banner de Educación e Mocidade.

Poderá participar de xeito individual ou por parellas o alumnado dos centros de ensino do Concello de Silleda, de Educación Primaria e Secundaria (ESO).

O prazo para presentar os traballos a este certame, que se convoca tamén en colaboración coa Deputación de Pontevedra, remata o vindeiro día 3 de abril . Os premios distribúense en dúas categorías, Primaria e Secundaria. En cada unha delas establecese un premio ao mellor cómic dotado con un smartwatch para cada un do autor/es e 100 euros en metálico para o centro, así coma un premio á mellor ilustración, cun lote de comics para os autores e 75 euros en metálico para o centro. Os premios en metálicos serán destinados como achega para as excursións de fin de ciclo, e no caso de non celebrarse para as actividades que se estimen.

A obra será orixinal, en branco e negro ou cor, realizada con técnica libre e en lingua galega. Deberá de presentarse en formato DIN A-3, dobrado pola metade para obter 4 páxinas.

Os traballos de banda deseñada deben de presentarse no Rexistro Xeral do Concello de Silleda, -aberto de luns a venres de 09:00 a 14:00 horas- , nun sobre pechado que irá acompañado da folla de inscrición (dispoñible tamén na web). Neste documento debe figurar o título do traballo, nome do autor/a ou autores/as, curso ao que pertencen e nome do centro de ensino.

Todas as obras participantes formarán parte dunha exposición na Casa da Cultura de Silleda.

O xurado estará formado por persoas vencelladas á Biblioteca, ao mundo da cultura local, e por un/ha técnico/a municipal. A decisión do xurado darase a coñecer antes do día 8 de maio.

“Logo do éxito das dúas convocatorias anteriores volvemos apostar por este certame para apoiar o fomento da creatividade entre o alumnado e ao mesmo tempo incentivar a súa participación para lograr fondos de cara ás excursións de fin de curso”, sinala a concelleira de Educación, Ángela Troitiño.

20200207_Otros_BASES-2

anexo 1

Impreso protección datos (anexo 2)