Convocada unha nova reunión do Consello Municipal de Cultura

Silleda, 15 de outubro de 2013. O vindeiro venres día 25 de outubro celebrarase  unha nova xuntanza do Consello Municipal de Cultura. A cita será no Centro Cultural Vista Alegre da Bandeira, ás 20.00 horas. Na orde do día, ademais da lectura da acta da sesión anterior, celebrada o pasado mes de maio,  figura a modificación da directiva da entidade.

Así, pasará a formar parte da mesma a nova concelleira de Participación Cidadá, Pilar Peón, que se integrará como vogal, ao igual que os representantes das asociacións. O Consello está presidido pola concelleira titular de Cultura, Margarita Campos,  como vicepresidente está Diego Cuíña, en representación da Asociación da Banda Recreativa e Cultural da Bandeira, e como secretario, Ramón Barcala, traballador municipal do departamento de Cultura.

Tamén se tratará cuestións relacionadas coa programación cultural municipal e asociativa, e outras propostas que poidan xurdir.

“Co Nadal tamén xa no punto de mira, cremos que esta reunión servirá tamén para poñer en común distintas propostas que poidan resultar de interese”, sinala Margarita Campos

O cambio de ubicación, xa que ata o de agora as reunións se fixeron na Casa da Cultura de Silleda, responde precisamente a un dos acordos adoptados na última sesión, onde se propuxo que as reunións do Consello foran rotando por distintas localidades do municipio.

39 colectivos e chamamento

O Consello Municipal de Cultura conta hoxe cun total de 39 colectivos, que foron convocados a reunión do vindeiro venres. Ás 33 que xa estaban integradas, sumaronse o pasado mes de maio outras seis. Este organismo foi creado en febreiro de 2012, ao amparo do Regulamento de Participación Cidadá.

Dende a directiva do Consello faise un chamamento a todas aquelas asociacións ou colectivos que aínda non se integraron “para que acudan igualmente a esta reunión, xa que alí tamén poden sumarse a este órgano sectorial no que continuaremos debatendo distintas cuestións relacionadas coa actividade cultural”, engade a concelleira e presidenta, Margarita Campos.

No encontro tamén se resolverán as dúbidas e preguntas que formulen os asistentes.