En marcha a extensión da traída municipal de augas á parroquia de Lamela

 

  • Os traballos estanse executando con medios propios, co apoio da Mancomunidade Terras do Deza, e permitirán conectar nunha primeira fase os lugares de Souto e Santa Cristina

Silleda, 2 de xuño de 2026. O Concello de Silleda ten xa en marcha as obras de extensión da traída municipal de augas á parroquia de Lamela, unha nova actuación coa que o goberno local continúa avanzando na ampliación progresiva deste servizo básico no rural.

Os traballos estanse acometendo con medios propios, co obxectivo de optimizar recursos e axilizar a execución da obra. Para iso, o Concello conta co apoio da Mancomunidade Terras do Deza, que colabora co persoal municipal de augas a través da apertura de gabias e a extensión da tubaxe.

A alcaldesa e responsable de obras, Paula Fernández, e a tenenta de alcaldesa, Mónica González, visitaron hoxe os traballos, que xa permitiron avanzar desde Maceira Boa, na Bandeira, ata o lugar de Souto, xa na parroquia de Lamela. Esta aldea será, xunto coa de Santa Cristina, unha das primeiras en conectarse á traída municipal nesta nova fase de ampliación da rede.

Paula Fernández destacou que esta actuación “é un novo paso no compromiso do Concello por seguir levando servizos básicos ao rural, mellorando a calidade de vida da veciñanza e dando resposta a unha demanda histórica en moitas parroquias”.

A rexedora explicou que a extensión da traída municipal “é un proceso complexo, que require planificación, investimento e unha execución progresiva, pero que estamos impulsando con decisión, aproveitando ao máximo os recursos propios e a colaboración doutras administracións e entidades como a Mancomunidade Terras do Deza”.

Fernández puxo en valor o traballo do persoal municipal de augas e o apoio da Mancomunidade, sinalando que “esta fórmula permite optimizar medios, abaratar custos e avanzar con maior axilidade na extensión da rede”. “O obxectivo é claro: que cada vez máis núcleos poidan contar cun abastecemento municipal garantido, seguro e de calidade”, engadiu.

As obras de Lamela súmanse ás xa realizadas nos últimos meses noutras localidades como Chapa e Ponte, situadas no contorno dos dous cascos urbanos, desde onde se está a ir estendendo a traída municipal de maneira progresiva.

Nos últimos anos, o Concello de Silleda levou tamén este servizo a lugares como Taboada, Cortegada, Toxa, Saídres, O Castro, Rellas e Sachocos, dentro dunha liña de traballo orientada a mellorar as infraestruturas básicas no conxunto do termo municipal.

A alcaldesa incidiu en que “falar de traída de auga é falar de igualdade de oportunidades entre o rural e os núcleos urbanos”. “Sabemos que aínda queda camiño por percorrer, pero cada nova conexión é un avance importante para as parroquias e para as persoas que viven nelas”, afirmou.

Desde o Concello de Silleda lembran que a extensión da rede municipal de abastecemento é unha prioridade dentro da planificación de servizos básicos, especialmente nun municipio cunha ampla dispersión territorial e cun elevado número de núcleos de poboación.