A actuación, adxudicada á empresa Covisam Norte, permitirá avanzar na creación dun espazo máis funcional, accesible e adaptado ás necesidades da veciñanza
Silleda, 14 de abril de 2026.- O Concello de Silleda vén de iniciar as obras de mellora e acondicionamento do centro social de Saídres, unha actuación adxudicada á empresa Covisam Norte, S.L. e que suporá un novo paso na posta en valor deste espazo comunitario da parroquia. Os traballos comezarán co derrube da antiga casa dos mestres, unha actuación acordada previamente coa veciñanza e que permitirá avanzar na configuración dun novo espazo máis amplo, funcional e adaptado ás necesidades actuais de Saídres. Esta primeira fase da intervención inclúe tamén actuacións de mellora no actual inmoble da antiga escola, reforzando o seu uso como punto de encontro e convivencia para a parroquia.
Ata o lugar desprazáronse hoxe a alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, e a concelleira de Cultura, Mónica González, que visitaron o inicio do operativo xunto coa directora de obra, representantes da empresa adxudicataria e varios veciños e veciñas da parroquia.
A actuación en Saídres permitirá dar continuidade ao proxecto xa presentado á veciñanza, no que se contempla a creación dun novo espazo polivalente na zona que ocupan as antigas vivendas dos mestres, conectando co actual centro social e mellorando tamén as súas instalacións. O investimento supera os 67.000 euros e conta con financiamento ao abeiro do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra.
Entre as melloras previstas nesta fase figuran, ademais da demolición inicial das vivendas, a creación dun novo acceso, vestíbulo e aseo accesible, un novo espazo para cociña, a renovación de acabados interiores e do sistema de iluminación, así como actuacións de drenaxe para evitar filtracións e humidades. O proxecto inclúe tamén a urbanización interior da parcela, mellorando a contorna do local social e a súa integración co campo da festa e co viario público.
O centro social de Saídres constitúe un espazo clave para a vida comunitaria da parroquia, acollendo distintas actividades sociais e culturais ao longo do ano. Con esta intervención, o goberno local continúa apostando pola mellora das infraestruturas no rural e pola dinamización dos espazos de encontro veciñal nas distintas parroquias do municipio.
A alcaldesa, Paula Fernández, puxo en valor o inicio dunha actuación “moi agardada en Saídres” e destacou que este proxecto “é froito do diálogo coa veciñanza e dun traballo compartido para dar resposta ás necesidades reais da parroquia”. Fernández sinalou ademais que o derrube da antiga casa dos mestres, acordado cos propios veciños e veciñas, “permitirá gañar espazo e funcionalidade para crear un centro social máis cómodo, máis accesible e preparado para acoller máis actividades e servizos”.
A rexedora incidiu tamén en que este tipo de investimentos “amosan o compromiso do goberno municipal coa mellora das infraestruturas no rural e coa creación de espazos públicos útiles, coidados e pensados para reforzar a convivencia e a vida social nas parroquias”. Neste senso, engadiu que actuacións como a de Saídres “son fundamentais para seguir dinamizando o territorio e para que os locais sociais sigan sendo lugares vivos e de referencia para a veciñanza”.
