En marcha os traballos de humanización do entorno da praza da Feira da Bandeira

Silleda, 9 de maio de 2014. A aposta pola mellora do entorno e a humanización na vila da Bandeira continúa agora co inicio das obras de ampliación da praza da Feira. Este proxecto ten unha inversión de 50.377,72 euros e ademais da renovación total do parque infantil tamén contempla e a peonalización dun tramo da rúa Renque da Froita.

Neste último, a empresa adxudicataria das obras, feitas cos fondos do PID que corresponden ao Concello de Silleda, comezou hoxe a botar o  formigón pulido , para  deixar a rúa ao mesmo nivel que a praza.

“Deste xeito o proceso de humanización complétase ampliando a praza”, engade o concelleiro de Servizos, Klaus Brey, que esta mañá visitou xunto co alcalde, Manuel Cuíña, os traballos.

Con esta iniciativa, tamén se gañará en materia de seguridade viaria, completando medidas anteriores relacionadas coa regulación do tráfico nesta zona.

Nos dous extremos do tramo da rúa (nas interseccións coa rúa da Feira e a rúa Renque do Peixe) colocaránse bolardos para impedir o acceso de vehículos, agás no caso dos residentes, celebracións, ou outros motivos que precisen da apertura do tramo.

No caso do parque infantil, as obras seguen a bo ritmo e quedarán listas nos vindeiros días. Esta actuación era moi agardada polos veciños e usuarios desta praza e do parque, que agora verán mellorado este entorno coas novas actuacións.