Entra en vigor a ordenanza que prohíbe fumar nos campos de fútbol e piscinas do municipio de Silleda

Silleda, 4 de febreiro de 2020.  O Boletín Oficial da Provincia (BOP) de Pontevedra publica hoxe a ordenanza de Convivencia, Residuos, Limpeza Viaria e Ornato do Concello de Silleda, con modificacións que foron aprobadas por unanimidade polo pleno o pasado mes de novembro.

Entre os cambios da normativa que agora entra en vigor figura a prohibición expresa de fumar nos campos de fútbol e nos dous recintos de piscinas do municipio. Nas vindeiras horas colocaránse os carteis que indican esta prohibición asi como outros explicativos sobre esta ordenanza.

Baixo o lema “Por unha vida saúdable e por  recintos deportivos máis limpos”, lémbrase que o Concello acordou incluir neste texto a prohibición expresa de fumar nos 4 campos de fútbol e nas piscinas municipais de Silleda e da Bandeira. Tamén se lembra que a normativa, recole a prohibición de tirar pipas, latas, botellas ou outros obxectos tanto nestes recintos como en calquera outro lugar público. As sancións poden oscilar entre os 50 e os 300 euros.

Limpeza nas rúas

Por outra banda, unha das cuestións que tamén ven motivando numerosas queixas, é a presenza de excrementos de cans na vía pública, cuestión que tamén regula a ordenanza e pola que agora se comezará a sancionar.  Dende a Concellería de Urbanismo, que dirixe Pili Peón, está tamén previsto colocar nos vindeiros días carteis informativos nas rúas lembrando aos donos destes animais a súa obriga de recoller os excrementos.Nos últimos anos vense constatando un notable aumento da presenza destes animais domésticos nas rúas.

“Agardamos que os veciños e veciñas colaboren para ter unha vila e uns recintos deportivos máis limpos. En todo caso, ca entrada en vigor desta normativa poderemos xa empezar a sancionar aqueles comportamentos incívicos que non respeten o que se recolle no texto”, explica o alcalde.