Éxito da xornada CoñeceNOS con escolares silledenses e o CRD Medelo de COGAMI

Silleda, 3 de decembro de 2019.  Alumnos e alumnas do CEIP Plurilíngüe de Silleda e do CPR María Inmaculada participaron hoxe xunto cos usuarios e usuarias do Centro de Recursos CRD Medelo de COGAMI na xornada CoñeceNÓS, na xornada mundial das Persoas con Discapacidade.

A través de distintos obradoiros e actividades guiados polos monitores e monitoras do Centro, compartiron unha xornada de convivencia que resultou ser todo un éxito.

Ademais de poñerse no lugar das persoas con discapacidade visual ou física (usando cadeiras de rodas, entre outros circuitos…) tamén participaron en clases de zumba, obradoiros para elaborar cestos, de marcapáxinas con lingua de signos…. E coñeceron coas fotografías de Luis Taboada, da exposición NOS, as actividades e o traballo que se realiza no CRD de Medelo.

“É importantísimo que os máis novos se acheguen á diversidade e que os veciños e veciñas de Silleda coñezan o marabilloso traballo que COGAMI desenvolve no noso municipio a través deste centro”, indicou a concelleira de Benestar e Igualdade, Ángela Troitiño, que agradece a “dispoñibilidade sempre do centro para participar en actividades coma esta, coas que pretendemos seguir visibilizando ás persoas con discapacidade”, engadiu agradecendo tamén a participación dos centros educativos.