Exposta ao público a resolución sobre as axudas municipais a entidades culturais e deportivas

Silleda, 14 de outubro de  2013.  Logo de aprobarse o reparto das axudas en Xunta de Goberno Local, nos últimos días vense de comunicar ás entidades solicitantes a resolución correspondente. A relación de beneficiarios xa está exposta no taboleiro de anuncios do Concello.

No caso das subvencións deportivas,  os clubes dispoñen agora dun prazo de 10 días, (contado a partir da recepción das notificacións) para aceptar a axuda ou formular, no seu caso, alegacións, á resolución, que neste caso é provisional.

A comisión de valoración, presidida polo concelleiro de Deportes, Klaus Brey,  segundo o estipulado nas bases das axudas( publicadas no BOP de Pontevedra o día 6 de agosto), outorgou unha serie de puntuacións tendo en conta criterios coma o fomento do deporte base e das escolas deportivas; as condicións das instalacións deportivas onde se practican as actividades; se a entidade se fai cargo ou non do mantemento das instalacións; o número de deportistas federados ou afiliados, o número de actividades realizadas durante o exercicio e o interese xeral da actividade para a que se solicitou a axuda.

O reparto, en base á puntuación quedou do seguinte xeito: S.D Silleda, recibiría 2.184,70 euros; S.D Bandeira 3.121 euros; C.F. Lamela e C. F. Laro, 2.309,54 euros, respectivamente; Clube Petanca Bandeira, 1.404,45 euros;  e Clube Deportivo Toxarco, 220,35 euros, cantidade similar á que percibirá o Club de Xadrez Ágora. Ademais destas entidades, á convocatoria concorreu tamén a Asociación Deportiva de Veteranos de Silleda, que quedou excluída por non estar inscrita no rexistro municipal de asociacións, requisito contemplado nas bases reguladoras.

Os beneficiarios dispoñen ata o 10 de decembro para xustificar as axudas outorgadas.

Axudas culturais

No caso das axudas á promoción de actividades culturais no Concello de Silleda, a resolución –segundo se recolle nas bases- é definitiva e as entidades beneficiarias, no caso de renunciar, dispoñen dun prazo de 10 días, contados a partir da data na que reciban a notificación, para facelo. Se non, entenderase como aceptada.

Este ano a comisión de valoración, presidida pola concelleira de Cultura, Margarita Campos, analizou un total de 31 solicitudes, unha máis que en 2012. Así mesmo, nas bases introducironse novos criterios como a promoción de actividades dirixidas á infancia, a necesidade de contar cun director, ou a traxectoria do colectivo, con máis puntuación para aqueles que superan os 20 anos de antigüidade.

O prazo para xustificar estas subvencións remata o vindeiro día 15 de decembro. O reparto está no seguinte arquivo adxunto.