Fallados os premios do concurso de fotografía ClickTrasdeza

-O xurado repartiu 450 euros en premios, así como dous accésit e un nomeamento especial

-Os traballos quedarán expostos a partir do próximo venres día 6 na Casa de Cultura

Este pasado venres veñen de elixirse os dous mellores traballos presentados para o concurso de fotografía ClickTrasdeza, organizado pola Concellería de Cultura do Concello de Silleda, que dirixe María José Fernández.

O xurado, presidido pola concelleira de cultura, estivo composto ademais por Tania Cuíña Gómez, fotógrafa profesional, e propietaria do estudio de fotografía Vacaloura, Yolanda Mato González, experta en creatividade e xerente de Carmiña Moda, Juan Carlos Salgueiro Hurtado, propietario da empresa C&S Diseño y Publicidad, e Miguel Souto Alonso, fotógrafo profesional.

De entre os 55 traballos presentados que poñían en valor a riqueza natural e patrimonial do concello, os membros do xurado elixiron aos dous gañadores. Así o primeiro premio recaeu en Elena Cuíña Gómez, coa obra “Mosteiro de Carboeiro. Cristal”, que amosaba o monumento visto a través dun cristal mollado, e que recibirá un premio de 300 euros e un diploma, ademais dun obsequio conmemorativo oficial do Concello de Silleda e 50 euros en vales de compra en establecementos asociados a ECOS.

O segundo premio foi para a obra “Redescubrindo a riqueza paisaxística de Silleda”, de Miguel Tirado Val, premiado con 150 euros, un obsequio conmemorativo e 30 euros en vales de compra. Esta obra representaba dous camiñantes pola ponte románica de Taboada.

Así mesmo debido á calidade dos traballos presentados, o xurado outorgou dous accésit. O primeiro foi para Roberto Couto Iglesias e o traballo “Sons do Camiño”, unha fotografía en branco e negro do Mosteiro de Carboeiro. O segundo accésit recaeu en César García Pérez, cunha instantánea do río Deza entre os lugares de Vilar e Taboada.

O xurado tamén decidiu facer un nomeamento especial a Patricia Alija Vega, pola orixinalidade do seu traballo presentado, chamado “¿Uno o dos palomares?”, no que se podía ver o pombal do Mosteiro de Carboeiro ao través dunha esfera de cristal.

Estes tres últimos traballos serán obsequiados cun diploma.

O vindeiro venres día 6 de maio, ás 20:30 horas, terá lugar a entrega de premios aos gañadores, e dende ese mesmo momento quedará aberta a exposición de tódolos traballos presentados ao concurso, que se poderán contemplar na sala B da Casa de Cultura ata o 27 de maio.

Dende a Concellería de Cultura, a edil María José Fernández quere dar a noraboa a tódolos premiados e agradecer a todos os participantes a súa implicación e orixinalidade, salientando a notable participación, con traballos enviados incluso dende fora da comarca.