Festican enche este sábado o parque canino de Silleda de exhibicións, concursos e actividades coas mascotas

  • A programación comezará ás 10:00 horas e incluirá demostracións de obediencia, agility, habilidades e busca de persoas, ademais dun concurso á mascota co mellor disfrace

Silleda, 23 de setembro de 2026. O parque canino de Silleda acollerá este sábado, día 26, unha nova edición de Festican, a xornada dedicada ás mascotas organizada polo Concello de Silleda, que reunirá durante toda a mañá diferentes exhibicións, demostracións e actividades abertas ao público.

A programación arrancará ás 10:00 horas coa recepción das mascotas. A partir das 10:30 comezarán as distintas exhibicións, con propostas de trucos e habilidades, obediencia, agility e busca de persoas. Ás 10:45 horas será a quenda da educadora canina Mónica Giadás, que participará acompañada dos seus Border Collies Yoshi e Nazan; ás 11:00 horas, Serafín López realizará unha demostración de agility e habilidades con Kia; e ás 11:30 horas José María Pérez, acompañado de Lenda, do Club de Can de Palleiro, ofrecerá unha exhibición de trucos e busca de persoas.

Serafín López estará acompañado nesta ocasión tamén por Lúa, unha nova cadela adoptada recentemente que leva o mesmo nome que a anterior Lúa, falecida hai poucos meses.

Ás 12:00 horas celebrarase outro dos momentos destacados da mañá, o concurso para elixir á mascota co mellor disfrace. A continuación abriranse as pistas para que público e mascotas poidan participar e probar distintas actividades de agility e obediencia. A entrega de premios está prevista para as 13:45 horas.

Entre as novidades desta edición figura a participación de Mónica Giadás, educadora canina e instrutora de Obediencia FCI pola Real Sociedad Canina de España. Nada en Andorra e descendente de familia galega, con raíces familiares en Forcarei e San Fiz, en Silleda, instalouse definitivamente en Galicia en 2024 tras residir en Girona. A súa paixón polos cans levouna a formarse profesionalmente neste ámbito.

Giadás estará acompañada de Nazan e Yoshi, os seus dous Border Collies. Nazan, de nove anos, conta cunha destacada traxectoria competitiva, con títulos e participacións nacionais e internacionais. Ademais da demostración de obediencia, achegará ao público o Rally-Ob, unha disciplina na que can e guía realizan conxuntamente un circuíto de exercicios e habilidades.

Experiencia e implicación na organización

Festican conta novamente coa implicación do adestrador canino silledense Tony Lanzó, que vén colaborando activamente desde a posta en marcha desta iniciativa, e de Valentín González, aos que desde o Concello se quere trasladar un agradecemento especial polo seu traballo e dedicación na organización da xornada. Tamén estará presente o presidente do Club do Can de Palleiro, Diego Conde.

A eles súmase este ano a colaboración de Felipe López, criador de pastores australianos en Dornelas baixo o afixo Asseconia, cunha destacada traxectoria en exposicións e concursos caninos. Un dos seus exemplares, Bubela de Asseconia, proclamouse este verán campioa de España de beleza na XXXVIII Exposición Internacional Canina das Palmas de Gran Canaria. A cadela xa fora campioa de España Xove da Real Sociedad Canina de España en 2024 e suma distintos galardóns en certames de Galicia e do resto do Estado.

Tamén este ano Carriza de Asseconia, nacida e criada en Silleda por Felipe López, acadou o premio ao mellor exemplar na categoría BIS Xoves no XIX Concurso Nacional Canino celebrado durante a Semana Verde de Galicia.

A organización contará igualmente coa colaboración das voluntarias do programa municipal de xestión das colonias felinas, que volverán contribuír ao desenvolvemento da xornada.

Desde o Concello de Silleda convídase á veciñanza a participar nun encontro que combina o carácter lúdico cunha vertente divulgativa, coa finalidade de promover o benestar animal, a tenza responsable e unha correcta convivencia entre persoas e mascotas.