Gran éxito na estrea do certame Silledagasalla, con máis de 400 lemas e de 200 debuxos

Silleda, 5 de decembro de 2014. O certame Silledagasalla vén de estrearse este Nadal en Silleda cun gran éxito de participación. Trátase de unha iniciativa posta en marcha dende a Concellería de Normalización Lingüística en colaboración co IES Pintor Colmeiro, o colectivo ECOS e os departamentos de normalización do resto dos centros educativos.

Este certame, para o fomento da lingua,  ten dous apartados. Así, por un lado elixiranse os lemas máis orixinais que se repartirán entre os comercios asociados de ECOS para acompañar os agasallos de Nadal dos clientes.

A outra das variantes, pasa pola elección dos mellores debuxos que protagonizarán os cartaces deste programa. O concurso levouse a cabo nos distintos centros educativos, que participar de xeito moi activo.Así, presentáronse máis de 400 lemas e máis de 200 debuxos, realizados polo alumnado deos centros educativos (CEIP Bandeira, CEIP Silleda, IES Colmeiro e Colexio Plurilíngüe María Inmaculada).

Á vista da calidade e do esforzo dos alumnos e alumnas, todos os traballos formarán parte dunha mostra que poderá verse na Casa da Xuventude a partir do vindeiro día 17.

De todos os traballos presentados elixíronse 30 lemas que se transformarán en pegatinas para colocar nos regalos de Nadal nos comercios asociaciados de ECOS que así o soliciten.

Dende o Concello editaranse 1.000 pegatinas con estes lemas.

“É de agradecer a colaboración dos centros educativos e do alumnado”, sinala a concelleira de Normalización, Margarita Campos, que destaca a orixinalidade nas presentación.

O outro certame escolar de Nadal é o de decoración nos centros, que repite logo do éxito do pasado ano. Os traballos deberán de estar listos o día 17, xornada na que o xurado fará as visitas de valoración.

Árbores Solidarias

Por outra banda hoxe comezáronse a colocar en varios centros municipais as chamadas árbores solidarias, que baixo o lema Ningunha familia sen Nadal,  recibirán ao seu pé alimentos, roupa, xoguetes… complementando así os puntos de entrega do programa municipal Silleda Solidaria.