Igualdade, teatro e música, protagonistas da programación cultural do mes de marzo en Silleda

-Ademais da mostra itinerante 5×5, na primeira fin de semana, o municipio acollerá actuacións como “Cómicas, habelas, hainas”, o espectáculo Pirolíticos, de Mofa e Befa, a estrea de FRIDA, da Cova das Letras,  a ruta polos murais Mulleres Extramuros, e un concerto á luz das velas para conmemorar o Día Internacional da Muller con músicas silledenses

 Silleda,  27 de febreiro de 2023.  A programación cultural do vindeiro mes de marzo traerá ao municipio silledenses distintas propostas ca igualdade como eixo transversal, no mes en que se conmemora o Día Internacional da Muller.

Teatro, música, humor en clave feminista, e un roteiro pola parroquia de Cortegada poñendo en valor o proxecto “Mulleres Extramuros”, protagonizan o cartaz con actividades todas as fins de semana.

Así, despois da estrea da Mostra teatral itinerante 5×5 co grupo silledense o vindeiro venres día 3 no auditorio Dopazo, o venres 10 de marzo conmemorase o 8-M cun concerto especial.

A cita será no Salón Parroquial de Silleda ás 20:45 co recital “Máis Violeta: Elas, son de luz”, ca actuación de varias  músicas da Banda de Música Municipal de Silleda que interpretarán distintos temas ao estilo dos concertos “candlelight”, a luz das velas. Participan Isabel Díaz Castro e e Alba Fernández Blanco (dúo de frautas);

 

 

Berta Cives Rozados e Antía Rodríguez Espiño (dúo saxofóns; e Paula Suárez Basalo ao piano.

O sábado 11, ás 12:00 horas está programada unha ruta pola parroquia de Cortegada, guiada por Xoana Almar (Cestola na cachola), artista que coordinou o proxecto “Mulleres Extramuros”, da Deputación de Pontevedra. Haberá un percorrido explicando as 7 intervencións artísticas realizadas por mulleres artistas con grande proxección : Lula Goce, Tamara Alves, Virginia Bersabé, Basilisa Fiestras, Laura Iturralde, Vanessa Morais e Xoana Almar.

O roteiro, para visitar os traballos que poñen en valor a figura da muller no entorno rural, comezará ás 12:00 horas partindo dende o centro social da localidade. Para asistir é preciso anotarse no departamento de Igualdade, chamando ao 986 592037.

O ciclo de humor feito por mulleres baixo o lema “Cómicas, habelas hainas”, da Deputación de Pontevedra con coñecidas actrices e monologuistas recalará en Silleda o venres 17.

A cita será ás 21:00, para público adulto, no auditorio municipal Manuel Dopazo. Presentadas pola actriz coruñesa Bárbara Grandío (La que se avecina), tres destacadas cómicas galegas traerán ao municipio silledense os seus monólogos. Sobre o escenario estará Jazmín Abuín –actriz, monologuista, cantante e xornalista viguesa-, coñecida por participar tanto en teatro musical como en TV (Acacias 38, Amar es para siempre, La que se avecina ou a recente Machos Alfa). Outra das participantes será  Arantxa Treus, a polifacética actriz que compartiu escenario cos mellores monologuistas en “Los monólogos de la Treus”. Treus tamén traballou en series como Gondar, Serramoura ou Fariña e acadou o premio FETEGA 2022 ao mellor monólogo cómico con “Sexo débil, o carallo”.

Completa a terna de mulleres cómicas Marta Doviro, con máis dunha década sobre os escenarios como actriz, presentadora, cómica… (Pazo de Familia, Luci, programas como Malo Será, Máis Galego…). Tamén recibiu o premio Dorotea Bárcenas á Mellor Monologuista Cómica.

Tamén ca muller como protagonista, chega o 25 de marzo unha nova estrea da compañía silledense A Cova das Letras. O grupo, comandado pola actriz Cristina Collazo presenta a súa aposta teatral sobre un dos iconos mundiais da arte e o feminismo: Frida Khalo.

Dirixida ao público familiar, a cita será o sábado 25 ás 18:30 horas no auditorio Dopazo. Esta obra chegará tamén a Silleda en vindeiras datas cun pase para os centros educativos.

No ámbito teatral, pecha a programación unha das compañías máis recoñecidas do panorama galego: Mofa e Befa. Evaristo Calvo e Victor Mosqueira voltan a Silleda con “Pirolíticos”, unha obra que cos seus habituais sketches e con música, se convirte nunha guía para orientar ao público sobre as novas masculinidades. Dirixida por Clara Gayo e escrita polas poetisas Lucía Aldao e María Lado, “Pirolíticos” escenifica situación ben recoñecibles polo público, co fin de conseguir unha mellor comprensión da “Guía Rápida para unha correcta pirólise”.

Aniversario do Coro Vales Mahía e presentación da tempada da Banda de Bandeira

A programación de marzo   complétase con outras dúas citas organizadas dende colectivos culturais. Así o domingo día 12 ás 18:30 horas a Banda Recreativa e Cultural da Bandeira presentará no auditorio da localidade a nova tempada cun concerto. E o sábado 18, ás 19:30 celebrará no mesmo escenario o seu décimo aniversario o Coro Vales Mahía.

Actividades 8-M e Plan de Igualdade na web

A programación cultural foi presentada hoxe polo alcalde, Manuel Cuiña e as concelleiras de Cultura, Mónica González, e de Igualdade, Ángela Troitiño, quen ademais informou que nos vindeiros días se darán a coñecer novas actuacións no marco do 8 de marzo, Día Internacional da Muller .

Así mesmo, o V Plan de Igualdade do Concello de Silleda, aprobado o pasado mes de xaneiro, xa se pode consultar na web municipal. A difusión das medidas de implementación de Igualdade no municipio, é unha das claves desta iniciativa.