Inaugurase a escultura doada por Carlos Alberto Castro Robles, na rotonda da Semana Verde

-O artista e varios familiares acompañaron ó alcalde e a varios concelleiros no sinxelo acto de descubrimento da escultura e a placa

Silleda, 26 de febreiro de 2016.  O alcalde de Silleda, xunto con varios concelleiros, procedeu hoxe á inauguración da escultura “Homenaje a París”, unha obra doada hai un par de anos polo escultor e gravador Carlos Alberto Castro Robles, (Bos Aires, 1957).

A obra, colocada sobre unha grande base de pedra, está realizada en aceiro cortén esmaltado, e ten tres metros de alto, cun peso de 700 kilogramos.

O artista cedeu no 2014 a obra ó Concello de Silleda, onde ten as súas raíces, e onde se afincou dende entón. A peza conta con réplicas en museos e parques de Luxemburgo, Extrasburgo, ou cidades coma Dallas, (Texas).

O Concello de Silleda fíxose cargo do traslado da escultura dende Girona, cidade na que o artista levaba residindo dende o ano 1988, logo de ter residido tamén na capital francesa, onde comezou a xestar a obra cedida. 

O alcalde, Manuel Cuiña, agradece en nome de todos os veciños e veciñas o xesto de Castro Robles, que hai uns meses se afincou xunto a familiares no municipio de Silleda, terra natal do seu avó (era do lugar de Riobó, en Negreiros), ademais de destacar o prestixio e traxectoria do autor. Ademais desta peza, no traslado tamén se incluíu todo o taller do artista e outras dúas obras da súa propiedade.

Castro Robles foi un dos introductores do chamado Movemento Madí en España. Esta corrente artística iniciuose en Arxentina no ano 1946 da man de artistas plásticos e trasladouse a todas as ramas da arte, baseándose na extremación dos conceptos de creación e invención.

Castro Robles está considerado, a nivel internacional como un dos artistas de gravado de maior prestixio e técnica, proxectando tamén a súa obra cara á escultura. As súas creacións están presentes no Museo Nacional Reina Sofía, no Madi Museum and Gallery de Dallas, Galería John Szoke-grapchic, de Nova York, Grandes Casinos de España, en Madrid; no Cente Cultural de Woluwe-Saint Pierre (Bruxelas), Galería de Arte de Rivadavia (Bos Aires) e en moitas obras localidades. Ademais ten participado en exposicións e mostras de moitos países de Europa, América e Asia.