Libros na rúa recadou máis de 350 euros para o programa Silleda Solidaria

-Dende a Concellería de Educación agradécese aos centros e Anpas colaboradoras e ao público desta cita a súa colaboración neste exitoso certame que mestura lectura e solidariedade

Silleda, 27 de maio de 2016. O segundo certame de Libros na Rúa, organizado pola Concellería de Educación de Silleda, celebrouse no día de hoxe con un grande éxito. Ademais das actividades de animación á lectura e obradoiros, que encheron a praza da Igrexa de Silleda, no mercadiño de libros usados vendéronse máis de 350 exemplares,  ao prezo unitario de 1 euro.

“Esta iniciativa foi todo un éxito. O resultado é que ademais de conseguir que máis de 350 libros cambiaran de man, que os nenos e nenas celebraran unha xornada arredor da lectura, entre todos logramos que o programa municipal Silleda Solidaria dispoña de máis fondos para poder seguir axudando ás persoas con menos recursos”, indica a concelleira de Educación, Pilar Peón.

Así, agradece a todos os centros educativos e Anpas que participaron na xornada a súa “grandísima colaboración con esta actividade, así como a todas aquelas persoas que contribuíron mercando libros con esta iniciativa”, engade a concelleira.

Ademais da venda de libros, que tivo que ser suspendida a media tarde pola choiva, tamén se celebraron actividades durante toda a xornada. Así durante a mañá houbo obradoiros de chapas e de minicontos e dúas sesións de contacontos. A sesión que estaba prevista para a tarde tivo que ser trasladada á Casa da Xuventude por mor do tempo.

A elevada participación de público súmase ao exitoso balance desta iniciativa xa consolidada, na que os asistentes tiveron a oportunidade de contar con títulos moi variados, dende novelas, libros infantís, ensaios, teatro, poesía…

Este mercadiño solidario de libros, que se celebrou por segunda vez en Silleda, enmarcouse na celebración do Día das Letras.