Listas as obras de sinalización das fervenzas e Escuadro e Graba e a dotación de acceso á de Santa Mariña

-Os traballos, cun investimento de case 40.000 euros, están cofinanciados polo Concello de Silleda e a Axencia Galega de Turismo a través dun convenio para a mellora de infraestruturas turísticas no rural

Silleda, 13 de novembro de 2020. O Concello de Silleda continúa ca posta en valor de elementos turísticos e naturais do municipio. Así, veñen de rematarse os traballos do proxecto para a dotación da sinalización e accesibilidade á Fervenza de Santa Mariña, na parroquia de Graba, que inclue tamén a sinalización para chegar á fervenza de Férveda, en Escuadro.
Esta actuación acometeuse en virtude do convenio entre o Concello de Silleda e a Axencia de Turismo de Galicia, ao abeiro das axudas para actuacións que melloren as infraestruturas turísticas no entorno rural.
O proxecto foi adxudicado á empresa Endenor –a única das 4 ofertas solicitadas que se presentou- por un importe de 38.324,38 euros.
No caso da fervenza de Santa Mariña, colocáronse paneis indicativos seguindo as directrices de Turismo, dende Silleda (na estrada provincial a Graba). Tamén se acondicionará un tramo do camiño de subida cara a fervenza e construise un pequeno miradoiro integrado na paisaxe para poder ver o inicio do salto sobre o río Toxa.
Trátase dun fermoso enclave dende o que se divisa, ao rematar o camiño de subida todo o monte da Devesa. No entorno, que comezou a difundir hai anos o colectivo local Coto do Castelo, atópase ademais unha antiga fábrica de luz.
O proxecto incluíu tamén a sinalización para chegar á fervenza de Férveda, na parroquia de Escuadro. No ano 2013 o Concello de Silleda creou un roteiro e preparou o acceso a este enclave turístico e natural, ca recuperación tamén de muiños e un lavadoiro.
Para completar esta actuación agora colocáronse paneis indicativos para chegar a Férveda dende Silleda e dende a N-640.
“Con esta actuación continúase apostando pola posta en valor dos nosos recursos naturais e turísticos”, indica a concelleira de Turismo, Mónica González que explica que dende o Concello se está a traballar tamén no deseño de novos roteiros a través do programa Silleda Camiña, que se retomará en cando as condicións sociosanitarias o permitan.