Luz García Taboada, cunha dilatada traxectoria en cine e teatro, elixida (IN) Visible do mes de febreiro

O Concello de Silleda, a través do departamento de Igualdade, dirixido por Ángela Troitiño, continúa co programa (In) Visibles: doce meses, doce mulleres, unha iniciativa que arrancou hai agora un ano para visibilizar a pegada e o legado que deixaron e deixan  as mulleres na sociedade silledense.

Neste mes de febreiro, aproveitando a recente conmemoración do Día do Cine, a elixida é Luz García Taboada, silledense que na actualidade reside en Madrid.

Nai, axudante de dirección de cine, teatro e eventos, rexedora de televisión e profesora de Hatha Yoga, Luz, aínda que como dí está “sempre na sombra”, naceu o 23 de decembro de 1972 na parroquia de Cortegada. Con tan só uns meses, os seus pais, Teresa e Teófilo (o de talleres Castilla), trasladáronse a vivir a Silleda.

Desde moi pequena interesouse  moito polo  teatro, a televisión e o cine; “Quería saber que había detrás de todo aquilo e tiven a sorte de poder facer teatro no colexio María Inmaculada, onde estudiei ata COU”, indica. En Santiago, a onde marchou a estudar  Filosofía,  entrou en contacto con persoal da recén estreada Televisión de Galicia. Alí tivo  oportunidade de traballar no programa Luar e, máis tarde, en Supermartes e Pratos combinados, serie na que desempeñou diversos postos como script, atrezzista e axudante de dirección. Traballou en programas como Todos a bordo e series como Terras de Miranda, A miña sogra e mais eu, Rías Baixas… Durante anos, fixo todas as galas da Televisión de Galicia e as primeiras galas dos premios Mestre Mateo como rexedora.

Ademais, axudando amigos e compañeiros, comezou a rodar curtametraxes e participou na película 13 campanadas con Luis Tosar, Juan Diego Botto e Marta Etura. “Alí coñecín un equipo de dirección que me animou a irme a Madrid e, xusto un mes antes de cumprir os trinta anos, funme á capital”.

En Madrid, Luz García Taboada tivo a oportunidade de facer máis cine. Con El Deseo Producciones, a produtora de Pedro Almodóvar, rodou Descongélate, protagonizada por Óscar Jaenada, Candela Peña e Pepón Nieto, entre outros. Fixo un total de sete longametraxes e máis de quince curtas, entre elas Somne e La Promesa, con Carmen Maura; XXL, la película; María querida, con Pilar Bardem; Un lugar para las butter cookies… Tamén traballou en series como El Comisario, Bandolera, El Internado e Ascensores, e en programas como Gran Hermano, Amor en la red, Tensión sin límite, Noche sin tregua, Smonka e Nuevos Cómicos para La Paramount, entre outros.

Compaxinou todo isto con distintas obras de teatro e formou parte, durante dous anos, da Compañía Nacional de Teatro Clásico (INAEM).

Máis tarde, viaxou a São Paulo, Brasil, ao primeiro Festival Iberoamericano de Teatro representando a España, quedando no primeiro posto.

Recén Premiada por Cifras y Letras

En 2005, marcha a Mallorca para traballar na primeira serie gravada en catalán para a televisión mallorquina, onde coñeceu á súa actual parella, Juan Cadenas, técnico de son e pai da  súa filla Olivia.

Desde 2006, de novo en Madrid, seguiu traballando no ámbito audiovisual en programas e series de televisión, facendo tamén musicais como Galicia Caníbal ou Marta tiene un marcapasos, de Hombres G, ademais de distintas galas de televisión, as Campanadas de fin de ano con Mediaset e, nos anos seguintes, curtametraxes e publicidade.

Na actualidade, despois de traballar en 2024 no programa El Condensador de Fluzo de TVE, é  a rexedora do programa Cifras y Letras de TVE2, compaxinándoo coa rexiduría e a produción técnica de eventos e presentacións de produto para marcas como Osborne, Bimbo, Pascual, Sunglass Hut e Zalando, entre outras, para distintas axencias do panorama nacional.

Precisamente o programa Cifras y Letras, ven de recibir o Premio Iris outorgado pola prensa especializada en TV.

Conservando o seu carácter alegre e extrovertido, aos seus 52 anos segue  practicando deporte e ioga, “agradecida por traballar no que me gusta e pensando que, algún día non moi lonxano, voltarei ao meu querido pobo, Silleda”, engade.