Manuel Cuiña Fernández forma parte da nova executiva da Fegamp

Silleda, 6 de novembro de 2015. O alcalde de Silleda, Manuel Cuiña Fernández, formará parte da nova executiva da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), que renovou a súa directiva o pasado venres.

Cuiña Fernández é un dos 9 membros cos que conta o Partido Socialista no órgano directivo, presidido polo alcalde de O Barco, Alfredo García, tamén desta mesma formación política.

“Para min é unha honra formar parte da executiva da Fegamp, un posto que me permitirá nesta lexislatura defender os dereitos dos municipio, dereitos que que se viron mermados nos últimos anos con medidas como a Lei de 27/2013 de Racionalización e Sostenibilidade da Administración Local”, apunta o rexedor silledense.

Así, lembra que esta normativa “viu a coartar os intereses dos Concellos, que son a Administración máis próxima aos cidadáns, con numerosos recortes que siguen afectando ao noso día a a día”, engade.

Entre os retos pendentes da entidade municipalista, Cuiña destaca o traspaso á Xunta das “competencias impropias que estamos asumindo os Concellos”.

Cuiña lembra que a Administración Autonómica leva “anos de retraso para facerse cargo do mantemento dos Centros de Saúde e colexios, como lle corresponde”. Así, indica que no caso dos Centros de Saúde, o Concello de Silleda iniciou os trámites hai anos para o traspaso dos ambulatorios de Silleda e da Bandeira, “a acordouse que se materialiaría en xaneiro de 2015. Agora vai alá case un ano e seguimos sen saber nada, mentres as arcas municipais ven mermados os recursos ao ter que facer fronte a competencias que non son das entidades locais”, apunta.

“A través desta nova responsabilidade seguirei defendendo os intereses dos municipios para que deixen de ser as cenicientas da Administración”, engade.