Manuel Cuiña mantivo un novo encontro na Secretaría Xeral de Urbanismo para avanzar sobre a aprobación do PXOM

Silleda, 17 de xaneiro de 2018.  O alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, vén de manter unha nova xuntanza na Secretaría Xeral de Urbanismo de cara a avanzar sobre os trámites do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), que se aprovou provisionalmente hai xa 20 meses, en marzo de 2016.

No encontro coa secretaria xeral, Encarnación Rivas, ao que acudiu tamén o redactor do documento, Alfonso Botana, acordouse fixar un encontro co organismo Augas de Galicia para aclararar as garantías de sumbimistro de auga que reclama esta entidade.

“Entendemos que a situación se debería de resolver o antes posible, toda vez que o Concello de Silleda dispón xa da documentación requerida sobre as traídas de auga”, indica o alcalde.

A vindeira semana, o mércores 24, Manuel Cuiña e técnicos municipais asistirán a unha reunión en Augas de Galicia, onde se exporán as garantías de subministros hídricos que reclamaba este organismo autonómico.

Así mesmo, este venres día 19 o secretario e o arquitecto municipal acudirán a outra xuntanza con técnicos da Secretaría de Urbanismo para continuar avanzando coa tramitación.

“A aprobación definitiva do PXOM é sen dúbida o gran obxectivo desta lexislatura. Silleda non pode seguir esperando tanto tempo por un documento que é clave para o futuro deste municipio”, indica o alcalde.

No Pleno do pasado mes de novembro o goberno municipal de conta do acordo para reclamar á Xunta a aprobación definitiva do Plan Xeral de Silleda, visto o tempo transcorrido dende a aprobación provisional.

En xullo do pasado ano, a Dirección Xeral do Territorio remitiu un documento advertindo que resultaba imprescindible “demostrar a suficiencia de recursos hídricos”, baseándose en sentenzas do Tribunal Supremo e lembrando que se interpreta “de forma estricta o concepto de suficiencia de recursos hídricos para as novas demandas previstas ao equiparalo á dispoñibilidade xurídica acreditada a través do correspondente título administrativo concesional".

“Ahora unha vez que contamos con documentos que acreditan a legalización das traídas de Silleda e Bandeira entendemos que a situación se debería de resolver”, engade Manuel Cuiña.

Neste senso o Concello conta ademais cun proxecto dun enxeñeiro técnico que certifica que hai recursos hídricos suficientes para os dous cascos urbanos, e que se encargou nada máis coñecer a postura da Xunta.

O rexedor considera que a Xunta “non pode esixir 15 meses despois da aprobación inicial, e con 4 anos previos de trámites, que se acredite esta suficiencia de recursos hídricos, para non aprobar definitivamente o Plan Xeral de Silleda”.