Manuel Cuiña presentou en Cira os dous trazados alternativos para o novo vial

Silleda, 28 de febreiro de 2015. O alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, e o tenente de alcalde, Klaus Brey, presentaron aos propietarios dos terreos afectados polo novo trazado do vial a Cira os planos elaborados polos técnicos da Deputación, con dúas alternativas para executar o novo tramo, de 2 kilómetros de lonxitude.

No encontro, con algo máis de 30 propietarios/as, analizaronse as dúas propostas, nunha primeira toma de contacto para abordar a consecución dos terreos necesarios.

“Hai unanimidade sobre a necesidade de facer unha vía alternativa que mellore a estrada actual, por motivos de seguridade, ao tratarse dun tramo moi perigoso”, indica Cuiña.

A chamada Alternativa 1 é a que máis terreos precisa, afectando aproximadamente a preto de 30.000 metros cadrados.

O alcalde lembrou que o compromiso do Concello de Silleda, logo de conseguir que a Diputación financie as obras con unha inversión que superará os 700.000 euros, pasa por disponer dos terreos necesarios.

Agora os propietarios, que coñeceron a través dos planos deseñados polos técnicos provinciais as dúas propostas, deberán consensuar co Concello cal é a mellor opción.

“As dúas opción son boas para acometer o proxecto pero dende o goberno local tamén queremos contar coa opinión dos afectados para decantarnos por unha delas”, apunta Cuiña.

Visita dos técnicos

Para aclarar dúbidas e outras cuestións, dende o Concello solicitarase á Deputación que os técnicos visiten o lugar para explicar in situ aos afectados os pormenores do deseño do novo trazado.

“Pediremos que sexan os propios técnicos, logo desta primeira toma de contacto, os que expliquen máis polo miudo as características do vial”, engade o alcalde.