Manuel Cuiña sinala que o municipio de Silleda se convertirá en punteiro en canto a instalacións deportivas para a práctica de fútbol

Silleda, 31 de outubro de  2016.  O alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, sinala que , unha vez confirmada a remodelación do campo da Gandareira -o único dos 4 existentes no municipio que aínda está en terra- o municipio silledense se convertirá “nunha zona punteira en canto ás instalacións deportivas, especialmente para a práctica de fútbol”, engade.

Cuiña avanza que nos vindeiros días se asinará o acordo entre o Concello e a Deputación para dotar o terreno de xogo do campo da Gandareira, con herba artificial. Esta actuación sumarase á renovación da manta do campo de Outeiriño que se acometerá con cargo aos orzamentos municipais de 2017, tal e como anunciou o alcalde á directiva da S. D  Silleda e ao cadro de xogadores, así como públicamente durante a última xornada de liga da pasada tempada, no mes de maio

Cuiña lembra que na pasada lexislatura o Concello de Silleda “fixo un grande esforzo na mellora de infraestruturas deportivas”, con actuacións coma a dotación de céspede natural nos campos de Lamela e de Laro, con fondos exclusivamente municipais. “O mesmo faremos agora no campo de Outeiriño, como xa avanzamos hai varios meses con cargo aos orzamentos municipais de 2017 que xa estamos a preparar. Mentres no campo da Bandeira, onde non se realizou ningunha mellora en décadas, a renovación que se leva reclamando dende anos poderá comezar nos vindeiros meses coa aportación da Deputación, á que lle agradecemos que non esquecera esta débeda con Silleda”, engade.

A primeira vez que se fai con fondos municipais

Así mesmo, Manuel Cuiña advirte que no caso da renovación da manta do terreo de xogo de Silleda a actuación –cun coste importante que se situaría aproximadamente nos  200.000 euros-  “será a primeira deste tipo que se fai con fondos dunha Administración local, xa que habitualmente este tipo de obras se viña facendo dende outros organismos, caso da Deputación”, engade.

Deste xeito , Silleda contará en breve con dous campos de herba artificial: os de Outeiriño –que se dotou deste céspede en 2006- e o da Bandeira, e outros dous de herba natural en Lamela e Laro, remodelados polo Concello nos anos 2012 e 2013, respectivamente.

O alcalde agradece a colaboración dos catro clubes de fútbol do municipio, no que tamén se realizaron outras melloras no ámbito das infraestruturas deportivas, con actuacións nos pavillóns polideportivos, ou as  pistas deportivas do Castro, entre outros.

Nas vindeiras semanas comezarán ademais obras de dotación de sendas peonís en O Castro e na rúa Lourás da Bandeira, proxectos que inclúen a dotación de carril bici. “Ademais de tratarse de tramos que están preto de instalacións deportivas, cremos que con este tipo de vías contribuimos a fomentar a seguridade e a práctica de deporte no noso municipio”, engade o alcalde.