O Concello de Silleda vén de incorporar á plantilla da Policía Local ao novo axente Manuel Garrido Fernández, que xa presta servizo no municipio tras rematar a súa formación na Academia Galega de Seguridade Pública —AGASP—.
Garrido tomara posesión do seu posto como funcionario en prácticas o pasado mes de decembro e despois de completar o período formativo na academia, o axente incorporouse hoxe agora ao servizo municipal, onde permanecerá en período de prácticas ata o mes de outubro, tal e como establece o procedemento.
A praza foi adxudicada tras superar a correspondente convocatoria a través da AGASP, enmarcada no convenio entre o Concello de Silleda e o organismo autonómico. Esta incorporación forma parte da Oferta Pública de Emprego do Concello para do ano 2025.
A alcaldesa, Paula Fernández, que recibiu ao novo axente xunto co xefe da Policía Local, Antonio Gil, destacou que a chegada efectiva deste novo axente “supón un novo paso no reforzo da Policía Local e na mellora dos recursos municipais destinados á seguridade cidadá”.
“Seguimos avanzando no obxectivo de contar cun servizo máis próximo, eficaz e adaptado ás necesidades reais do noso municipio. A incorporación de Manuel Garrido á plantilla é unha boa noticia para Silleda e para o conxunto da veciñanza”, sinalou a rexedora.
Dende o goberno municipal incídese na importancia de continuar reforzando os servizos públicos municipais, especialmente aqueles vinculados á seguridade, á atención cidadá e á convivencia.
