O Concello de Silleda vén de incorporar ao seu cadro de persoal a Manuel López Alonso, que tomou posesión como novo enxeñeiro municipal nun acto celebrado na Casa do Concello coa alcaldesa e concelleira de Urbanismo e Obras, Paula Fernández Pena.
O novo técnico quedará adscrito ao departamento de Urbanismo e Obras, que se reforza así cun novo perfil profesional para atender as necesidades dun dos servizos municipais con maior carga de traballo e actividade administrativa e técnica.
A praza de enxeñeiro formaba parte da Oferta Pública de Emprego (OPE) correspondente ao ano 2023. O proceso selectivo inicial chegou a resolverse, pero a persoa que superara a convocatoria renunciou finalmente á súa incorporación ao posto, polo que foi necesario reactivar o procedemento.
Así, o Concello abriu unha nova convocatoria en xuño de 2025, á que concorreron un total de oito aspirantes. Unha vez completadas todas as fases do proceso selectivo, Manuel López Alonso obtivo a praza e formalizou agora a súa incorporación como funcionario municipal.
A alcaldesa, Paula Fernández Pena, destacou a importancia desta nova incorporación, “que permitirá seguir reforzando a estrutura técnica do Concello e, especialmente, un departamento tan importante como Urbanismo, cun volume de traballo crecente e cun papel fundamental tanto na xestión diaria como no desenvolvemento de novos proxectos e actuacións municipais”.
Fernández Pena deulle a benvida ao novo enxeñeiro e desexoulle “moitos éxitos nesta nova etapa profesional ao servizo da veciñanza de Silleda”.
A incorporación de Manuel López Alonso enmárcase no proceso de reforzo e estabilización do persoal municipal que o Concello de Silleda vén desenvolvendo nos últimos anos a través das distintas ofertas públicas de emprego.
