Silleda, 1 de marzo de 2025. O Concello de Silleda vén de elixir como (IN) Visible 8M a María Fernández Martínez, máis coñecida como a señora María de Nicasio.
Coñecida por toda a veciñanza como a señora María de Nicasio, esta muller é un todo un exemplo de resiliencia, e encarna á perfección as mulleres anónimas do rural que loitaron toda a vida por sacar adiante a familia en tempos complicados, polo que dende o Concello de Silleda se vén de nomear a María como (IN) VISIBLE 8M neste ano 2025.
Ainda que naceu en Touro en 1930, María e a súa familia están afincadas dende hai moitos anos na Bandeira, onde continuou formando unha gran familia con 13 fillos, 26 netos/as, 27 bisnetos/as e a día de hoxe tamén dúas tataranetas.
María trasladouse a Silleda en 1963, para traballar xunto co seu home como caseiros na parroquia de San Tirso de Mánduas. Alí traballaron entre outros os bens da Casa de Nicasio, no lugar da Devesa, da que tomou o alcume a súa familia.
Ademais de traballar na de Nicasio, a señora María tamén traballaba as terras doutras familias e axudando en locais de hostalería para sacar adiante á familia.
María foi unha autentica malabarista co seu tempo, e unha experta en conciliar a vida laboral e familiar nunha sociedade ben distinta á de agora.
En 1975, cando xa tiña 45 anos consigueu iniciar a construcción da súa propia casa no lugar que aínda hoxe reside, na estrada de Moalde, na Bandeira.
Pese aos duros golpes da vida (perdeu 4 fillos e un neto) María sempre conseguiu superarse. Muller valente cunha personalidade arrolladora, María segue a ser un exemplo de superación e esforzo, moi querida por toda a veciñanza.
Pintando Igualdade e vermú con Señora DJ
O sábado 8 de marzo, data central da conmemoración, celebrarase un acto de homenaxe á María Fernández persoa elixida este ano como (IN) Visible 8M, acompañado da performance «Pintando Igualdade» , unha iniciativa artística « en colaboración con varias pintoras locais que deixarán a súa impronta pola igualdade en regadeiras violetas.
A continuación, ás 13:00 horas, terá lugar un vermú musical a cargo de SEÑORA DJ, que encherá o ambiente de música e reivindicación feminista.
Este será o acto central da programación do 8M en Silleda que continúa a vindeira semana con iniciativas como a entrega de material de igualdade e recursos nas bibliotecas feministas, a presentación o xoves día 6 do proxecto piloto «Urbanismo de Xénero», unha proposta innovadora que analiza como o deseño urbano pode influír na seguridade e accesibilidade das mulleres no espazo público. A cita, será ás 12:00 horas no Salón de Actos da Casa do Concello.
A xornada do 7 de marzo contará cunha visita de persoal municipal ao Centro de Recuperación Integral para Mulleres que Sofren Violencia de Xénero, reforzando o compromiso do Concello de Silleda coa loita contra a violencia machista. Pola noite, a Praza Juan Salgueiro da Bandeira iluminarase en cor violeta como símbolo de apoio á igualdade de dereitos das mulleres.
Para pechar a programación, o domingo 9 de marzo ás 19:00 horas, o Auditorio Manuel Dopazo acollerá a representación teatral de «Bravas», unha obra da actriz e cómica Isabel Risco, que combina humor e crítica social para abordar a realidade das mulleres.
Con esta ampla programación, o Concello de Silleda reafirma o seu compromiso coa igualdade de xénero, utilizando a cultura e a educación como ferramentas de transformación social.