MoVEMOS Silleda, o programa cultural de verán arranca o día 9 con actividades nas vilas e en Carboeiro

-A práctica totalidade da programación contará con artistas silledenses. Algunhas actividades requerirán inscrición previa. O programa busca dinamizar tamén ao comercio e hostalería ademais de ofertar alternativas de ocio nos meses de xullo e agosto

 Silleda, 29 de xuño  de 2020.  A Concellería de Cultura e Turismo de Silleda vén de presentar o programa cultural para o verán no municipio, con máis de 20 actividades programadas nas vilas de Silleda e da Bandeira e tamén no mosteiro de Carboeiro e o seu entorno.

Baixo o título MoVEMOS Silleda búscase tamén dinamizar as vilas dende o punto de vista comercial e para a hostalería, así coma o sector cultural local. Así, a práctica totalidade do programa está formado por actividades que serán protagonizadas por intérpretes, actrices ou entidades silledenses.

A programación arrancará o xoves 9 de xullo coa Ximcana Mitolóxica a cargo da cooperativa de turismo cultural Amarelas, que ofrecerá un percorrido pola vila e comercios. O aforo será de 20 persoas repartidas en dous grupos.Esta actividade –para todos os públicos- desenvolveráse en dous turnos, de 18:00 a 19:00 e de 19:15 a 20:15. Para participar é necesario inscribirse chamando ao 986 580000.

O venres día 10 toma o relevo o Mago Noel, que actuará na praza Juan Salgueiro de Silleda (19:30) e ás 21:30 horas o músico e compositor silledense Rodrígo Ramos ofrecerá un concerto na praza Siñor Afranio.

O sábado 11 tamén a compañía silledense A Cova das Letras, comandada por Cristina Collazo achegará á praza Juan Salgueiro o espectáculo Teatro á Feira, (12:30) e o domingo 12, a Banda de Música Municipal de Silleda inicia a súa participación no programa cun pasarrúas e sesión vermú na praza da Igrexa.

O venres 17 a cooperativa Amarelas dirixirá unha actividade novidosa: un baño de bosque, iniciativa que se levará cabo no parque municipal das Pedrosas. Unha actividade relaxante para maiores de 16 anos, que comezará ás 18:00 horas (tamén con inscrición previa no Concello).

Músicas no Mosteiro

O mosteiro de Carboeiro e o seu entorno será tamén un dos escenarios de MoVEMOS Silleda. A banda de música municipal abrirá o ciclo o sábado 18 de xullo ca actuación de do grupo de madeiras da formación. O ciclo en Carboeiro continuará o sábado 25 co grupo de Metais da Banda de Música de Silleda. O martes 28 de xullo tamén no entorno de Carboeiro está previsto celebrar o concerto de Garufa Blue  Devil Band, actuación que se enmarca no programa Musigal da Deputación de Pontevedra.

O mes de xullo contará tamén con sesións vermú o domingo 26 (en Silleda co grupo local Morna e na Bandeira co grupo de Madeiras da Banda Recreativa e Cultural) e rematará a programación este mes o venres 31 con Cine na rúa, ca proxección de “O que arde”, de Oliver Laxe.

Agosto arrancará cunha nova cita coa Banda Municipal de Silleda en Carboeiro, esta vez cas percusións da agrupación e o domingo 2 actuará ao mediodía o quinteto de madeiras da Banda da Bandeira.

O xoves 6 Anxo Moure está contando contos para os máis cativos na praza Juan Salgueiro de silleda e o venres día 7 recala en Carboeiro o espectáculo “A Cara bonita da pedra”, unha sesión con música de guitarra e proxeccións.

O sábado a Banda de Música Municipal de Silleda ofrecerá unha sesión de bailables na praza Siñor Afranio de Silleda e o domingo 9 ao mediodía haberá na Bandeira un concerto de solistas.

O sábado día 15 a Recreativa e Cultural da Bandeira ofrece un concerto en formato big-band (21:00 horas) na praza da localidade e o domingo 16 a Banda de Música Municipal de Silleda completa a súa participación no programa cun concerto popular na praza da Igrexa ás 19:00 horas.

Na Bandeira o programa continuará o venres 21 co concerto de Pauliña, o grupo que vén de editar o seu segundo disco “A Malfalada” e que conta con músicos silledenses.

O sábado 22 volta Teatro á Feira, con A Cova das Letras á Bandeira (12:30) e o domingo 23 ademais do pasarrúas da Banda proxectarase tamén na Bandeira a exitosa película de Oliver Laxe.

MoVEMOS Silleda remata o domingo 30 de agosto ao mediodía na praza da Feira da Bandeira coa actuación do alumnado da Escola de Música Municipal que se forma no centro da Bandeira.