Música, actividades infantís, teatro e xogos tradicionais, centran o programa de Nadal de Silleda, con propostas ata o 8 de xaneiro

-Volta a carreira de San Silvestre, a cabalgata de Reis, e outras actividades en colaboración con distintos colectivos.

-Papa Noel volverá ás rúas da Bandeira o 25 e o Apalpador chegará o 28 de decembro

-Dada  a situación sociosanitaria, o programa poderá variar en función das condicións que se vaian dando

 Silleda, 27 de novembro de 2021.  A programación de Nadal 2021-2022 en Silleda contará este ano con preto de 30 actividades dende decembro e ata o 8 de xaneiro. Concertos, teatro, xogos tradicionais, e clásicos como a visita de Papa Noel, carreira de San Silvestre e a Cabalgata de Reis voltan á programación silledense.

O programa foi pechado nos últimos días, pero as actividades previstas –sobre todo no caso das máis concorridas- poderán sufrir variacións en función de como evolucione a situación sanitaria ca pandemia.

As propostas arrancan coa campaña organizada polo colectivo de Empresarios e Comerciantes de Silleda (ECOS), na que tamén colabora o Concello de Silleda. O 1 de decembro comezarán os sorteos diarios de premios, a modo de Calendario de Advento, que se prolongarán ata o 24 de decembro. O sorteo desta última xornada será o día 26.

O venres 3 celebrarase no auditorio da Casa da Cultura o coloquio protagonizado pola artista e ilustradora Raquel Riba Rossi, creadora da saga Lola Vendetta, baixo o lema “Máis Vale Soa”, organizado dende o departamento de Igualdade. A cita será ás 18:00 horas.

O venres día 10 abrirase ao público no Centro Cultural Vista Alegre o Belén Tradicional e o sábado 11, tamén na Bandeira terá lugar o concerto de Santa Icía da Banda Recreativa e Cultural da Bandeira, protagonizado este ano por clásicos de compositores rusos (20:00 horas auditorio Dopazo).

O venres 17 arranca o concurso de decoración #SilledaFaiNadal, para o que xa están abertas as inscricións ata o 10 de decembro.

Tamén na xornada do 17 terá lugar a VI Feira da Alegría, o mercadiño solidario do CEIP Plurilíngüe de Silleda, que se celebrará durante a mañá na praza Juan Salgueiro de Silleda. A xornada rematará coa representación da obra teatral “Rosalía”, a proposta de Culturactiva que narra a infancia da autora de Cantares Gallegos. A cita, do programa Nadal en Rede, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, será ás 18:00 horas no auditorio Manuel Dopazo da Bandeira.

O sábado 18, a música será a protagonista. En Silleda celebrarase na igrexa parroquial de Santa Eulalia o tradicional Festival de Panxoliñas da Coral Polifónica Trasdeza (20:30 horas) e na Bandeira prevese a celebración de distintas actividades durante a xornada na que será a presentación do colectivo Festibandeira. Así, na praza do auditorio haberá pola tarde actividades de animación infantil (de 17:00 a 19:00 horas), e a continuación concertos con Rodrígo Ramos, A Kona Ke Te Fixo, Cloaca, SMAW e outros artistas convidados.

O domingo 19 ás 17:30 celebraránse no auditorio da Semana Verde as Audicións de Nadal da Escola de Música de Silleda, organizadas polo centro e a Anpa Musiquiños.

O programa intensifícase a partir do 22 de decembro, día no que comezan as vacacións nos centros escolares. Así nesta xornada arrancará a Ludoteca de Nadal, con actividades para nenxs de 3 a 12 anos nas dúas vilas (Casa da Xuventude en Silleda e auditorio Manuel Dopazo da Bandeira), de luns a venres (agás o 6 de xaneiro) en horario de 09:00 a 14:00 horas. O prazo de inscrición aínda segue aberto para participar nesta actividade lúdica e de conciliación para as familias.

Tamén na xornada do 22, ao mediodía, está prevista a tradicional Xuntanza de Nadal dos maiores no resturante Coteliño, ás 14:00 horas, e pola tarde a Anpa Raparig@s organiza unha sesión de cine en familia na Casa da Cultura de Silleda ca proxección da película de Disney “Encanto”, ás 17:30 horas.

O 23 e o 30, serán Xoves de Churros en Silleda, con descontos promocionais en distintas cafetarías adheridas para os clientes do comercio local.

A campaña de ECOS inclue tamén a visita de Papa Noel a comercios da asociación de Silleda e da Bandeira durante a xornada do 24.

No día de Nadal volve outra das tradicións en Silleda: o desfile e recepción de Papa Noel na vila da Bandeira, organizado pola Asociación Cultural Vista Alegre en colaboración co Concello de Silleda. O desfile partirá dende a praza do auditorio ás 17:30 horas ata chegar ao Centro Vista Alegre onde se celebrará a recepción e non faltará o chocolate con churros para as persoas asistentes.

O domingo 26 terá lugar outra das grandes citas: o concerto de Nadal da Banda de Música Municipal de Silleda, con outra aposta innovadora da agrupación que se presentará nos vindeiros días e que se celebrará este ano no pavillón 1 do Recinto Feira Internacional de Galicia Abanca, ás 18:30 horas.

O luns 27 tamén no Centro Cultural Vista Alegre, a compañía A Cova das Letras ofrecerá un concerto sensorial para nenxs de 0 a 3 anos, ás 18:00 horas.

O martes 28 o Apalpador volve ás rúas de Silleda da man do programa Nadal en Galego da Deputación de Pontevedra, cunha visita a partir das 13:00 horas.

E pola tarde celebrarase tamén nas rúas de Silleda unha ximnacana para descubrir unha mensaxe secreta, unha actividade de xogo en grupo que se desenvolverá a partir das 17:00 horas.

Os xogos tradicionais protagonizarán senllas xornadas en Silleda e na Bandeira (os días 29 de decembro e 3 de xaneiro, respectivamente).

Na xornada do 29 prevese tamén o  Ensaio de Fin de Ano no Centro Social dos Maiores, coas tradicionais uvas e animación musical. A festa de celebración para os máis cativxs será o xoves día 30 no pavillón César G. Fares, cunha festa na que non faltará o cotillón e animación musical.

O venres 31 chega de novo a Carreira de San Silvestre, cunha edición tamén para os máis cativxs (San Silvestriño), a partir das 11:00 horas na praza de Juan Salgueiro.

O martes 4 de xaneiro na Casa da Cultura celebrarase tamén un obradoiro de fotografía organizado pola Anpa Raparig@s a partir das 11:00 horas. E o mércores 5 chegará un dos momentos máis agardados: a Cabalgata de Reis, que está prevista para sair  dende a praza da Igrexa e rematará na praza de Juan Salgueiro.

Sorteo da paga extra o 5 de xaneiro

Na carpa que se instalará para a recepción dos Reis terá lugar tamén na xornada do 5 de xaneiro o sorteo de billetes ECOS que virá acompañado este ano da “extra” de Nadal que outorga o Concello, con 1.000 para gastar no comercio local. O sorteo faráse entre todos os tickets recollidos nos establecementos de ECOS dende o 1 de decembro e ata ese día.

O programa de Nadal prolongarase en Silleda ata o 8 de xaneiro. O venres día 7 represéntase en Silleda a obra “A Alquimista”, da Cova das Letras, ás 18:00 horas na Casa da Cultura e o sábado 8 terá lugar outro clásico: o concerto de Aninovo na Bandeira, ca participación de todas as agrupacións da localidade : Banda Recreativa e Cultural da Bandeira, Xirandola, Fortín da Pomba e o Coro Vales Mahía.

Dende o Concello de Silleda agradécese a colaboración de todos os colectivos e asociacións na organización de todas estas actividades, das que se irá dando conta polo miudo nas vindeiras semanas, tamén á espera de como evolucionen os datos da pandemia, logo de rexistrarse na última semana un repunte dos casos.