Natureza, igualdade e voluntariado, protagonistas da 35 Romaría da Rapazada

O vindeiro domingo día 29 volta ao recinto da Saleta de Siador a Romaría da Rapazada, unha cita única que cumpre 35 anos e que nesta edición e que volve apostar pola diversión, a tradición e o coidado do medio.

A xornada dará comezo ás 11:30 horas cunha xincana para descubrir os segredos do entorno de Siador.

Non faltarán os xogos populares e tradicionais, que estarán tamén dispoñibles pola tarde no recinto.

A representación teatral “Pepa a Loba”, a cargo de A cova das Letras dará paso á actuación musical previa ao xantar.   Todas as persoas que o desexen poderán levar o xantar e preparar o seu espazo na carballeira.

A partir das 16:00 horas abriránse os obradoiros entre os que figuran un de decoración de gorras, estampados, chapas, pintacaras e outro de circo.

Acrobacias, petanca, esgrima e festa da escuma

Pola tarde continúa a oferta cunha xincana e ruleta de igualdade, petanca, esgrima, xadrez e xogos tradicionais. Da man de Sogama chegará tamén un obradoiro sobre separación de residuos e reciclaxe.  Tamén haberá exposición de maquinaria antiga, artesania, e sorpresas e sorteos, como é habitual.

Ás 19:00 horas celebrarase no escenario unha exhibición a cargo de Máis que Danza e a continuación chegará o espectáculo “Glamping”, de acrobacias aéreas, a cargo de SU.MA.

Como colofón á xornada,  rapazada terá unha festa da escuma no prado do anfiteatro.

Colaboración de clubs e entidades locais

Parte da decoración do recinto será elaborada pola rapazada do campamento de verán do Servizo lúdico educativo do Concello de Silleda. Ademais, nesta edición estarán presentes clubs deportivos, asociacións e entidades do municipio ás que dende o Concello se lles agradece a súa participación.

Así, participarán Aupa Deza, o centro de Cogami en Medelo, Anpa Raparigos, o Museo do Campo e da Mecanización, Trasdeza Trail Run, Máis que Danza, Compostela Esgrima, Clube de Petanca Bandeira e persoas que forman parte do Plan Municipal de Voluntariado.

No recinto haberá servizo de bar e estacionamento gratuito para todas as persoas que se acheguen a Siador.

Dende o Concello de Silleda agradécese a implicación de todas as persoas voluntarias, entidades participantes e dos Pais Saletinos de Siador na celebración desta cita, que cada último domingo de xuño reúne a centos de persoas na localidade para disfrutar dunha cita única.

Accede ao catálogo de actividades aquí : DÍPTICO ROMARÍA DA RAPAZADA