Nenos do Servizo Lúdico Educativo de Silleda visitan Porto do Son

-Disfrutaron de unha mañá de lecer na vila mariñeira, onde visitaron o porto, a lonxa e o Museo Marea

Silleda, 29 de xullo de 2016.  50 nenos e nenas do Servizo Lúdico Educativo do Concello de Silleda disfrutaron esta mañá dunha visita ao pobo costeiro de Porto do Son.

Baixo o nome “O sabor da aventura está no mar”, os rapaces e rapazas visitaron o porto da vila, onde observaron o tipo de embarcacións amarradas  e deduciron así qué artes de pesca se empregan e qué especies se pescan. Logo comprobaron a actividade dun día na lonxa, da man dun responsable da confraría, así coma o traballo das redeiras, confeccionando e reparando diferentes artes de pesca.

Despois de seren convidados a un pequeno cátering de produtos do mar, visitaron o Museo Marea, no centro histórico da vila, que ofrece un percorrido emocional polos diferentes oficios relacionados con Porto do Son e a ría de Muros e Noia.

Enriquecido con testemuñas orais da xente que viviu e traballou na vila, como redeiras, traballadores de salgadura e da industria conserveira, o museo tamén conta cunha ampla colección de fotografías históricas relacionadas coa actividade pesqueira, marisqueira, e de transformación de peixes e mariscos.

A visita á vila costeira rematou ás 13:00 horas co regreso dos nenos a Silleda.