O alcalde de Silleda comeza unha rolda de visitas polas parroquias

Silleda, 14 de maio de 2016. O Concello de Silleda ven de poñer en marcha a rolda anual de encontros do alcalde cos veciños e veciñas trasdezás.

Estas visitas, que levarán ao rexedor a percorrer as 33 parroquias do municipio, darán comezo o vindeiro luns, ás 12:00 horas, no centro social de Xestoso, e continuarán nas próximas semanas ata completar tódalas freguesías.

Entre outros puntos a tratar, Manuel Cuíña explicaralles aos veciños varios asuntos de interese, coma o estado da tramitación do Plan Xeral de Ordenación Municipal, pendente xa da aprobación definitiva por parte da Xunta de Galicia, as variacións do Regulamento Municipal de Participación Cidadá, con motivo da elección dos Delegados Parroquiais, o proxecto do Centro de Desenvolvemento Agrario de Silleda e a convocatoria a subvencións europeas para o seu desenrolo, ou o posible traslado das oficinas municipais á actual Casa de Cultura. O alcalde resolverá todas as dúbidas ao respecto sobre estes puntos, e tamén atenderá tódalas cuestións que expoñan os veciños de cada parroquia.

Así mesmo, para cada convocatoria enviarase unha carta a cada unha das casas das vilas a visitar avisando do día, a hora, e o lugar onde terá lugar cada reunión.