O alcalde de Silleda participa nas xornadas sobre financiación para municipios do Parlamento Europeo

Silleda, 12 de novembro de 2015. O alcalde de Silleda, Manuel Cuiña Fernández, viaxará a vindeira semana a Bruxelas para participar nas xornadas informativas coas que se busca capacitar aos alcaldes sobre diferentes programas de financiación europea que poidan ser de interese para as administracións locais.

Cuiña estará o mércores 18 e xoves 19 no Parlamento Europeo xunto con outros alcaldes galegos, nunha expedición organizada dende o grupo parlamentario europeo socialista. A través destas xornadas preténdese tamén impulsar a participación das entidades locais galegas nas iniciativas que se desenvolven a nivel comunitario.

“Considero que se trata dunha sesión que pode resultar moi beneficiosa para coñecer de cerca como traballa a UE e ver as posibilidades de acometer proxectos de interese para os cidadáns no contexto do nomo Marco Financieiro da Unión Europea 2014-2020 ”, apunta Cuiña.

Ademais de favorecer a participación das entidades locais de Galicia nas convocatorias dos programas de financiación europea, outro dos obxectivos desta iniciativa pasa por facer o mellor uso posible das oportunidades que ofrecen ditos fondos comunitarios na mellora do emprego na nosa rexión.

Ademais das sesións formativas previstas, os rexedores participantes na expedición, que serán recibidos polo eurodeputado José Blanco, tamén coñecerán de primeira man o funcionamento das institucións europeas (Parlamento e Comisión).

No programa formativo figuran sesión adicadas aos Fondos Estructurais e de Inversión e Administración Local; a política de cohesión reformada da UE; o Fondo Social Europeo e a Iniciativa Xuvenil de emprego, ou un encontro coa Fundación Galicia-Europa.

O grupo participará en xornadas de traballo con distintos eurodiputados, entre elas, Jonás Fernández, membro da comisión de Economía; Inmaculada Rodríguez, membro da comisión de Comercio Internacional ou Ramón Jáuregui, entre outros.